Bahrain
Estado de Asia formado por un arquipélago de 33 illas do Golfo Pérsico, situadas a uns 24 km da costa oriental de Arabia Saudí (678 km2; 508.037 h [1991], 595.000 h [estim 1998]). A capital é Al-Manama, situada ao N da illa de Al-Ba ḥ rain.
Xeografía física
As illas principais son Al-Ba ḥ rain (572 km2), Hawar (38km2), Umm Nasan (19 km2), Al-Mu ḥ arraq (17,4 km2) e Sitra (9,9 km2). Un dique artificial de 3.400 m de lonxitude une as illas de Al-Ba ḥ rain e Al-Mu ḥ arraq, e outro dique de 24 km Al-Bahrain con Arabia Saudí. Todas as illas do arquipélago son, en xeral, chas e areosas. Situado a 26° de latiude N, baixo o dominio climático tropical con temperaturas e taxas de humidade altas. A temperatura media anual e de 25°C. Numerosas especies xerófilas integran a súa vexetación. A fauna característica componse de lebres, lagartos e ratas do deserto.
Xeografía económica
A extracción de petróleo e de gas marxinou aos outros sectores. A escaseza de recursos hídricos limita o desenvolvemento da agricultura: sendo os principais cultivos os dátiles e os tomates. A agricultura de regadío e importante nas inmediacións da costa norte. A gandeiría (bovina, ovina e caprina), actividade tradicional, ficou relegada a unha presenza testemuñal. En total, o sector primario só ocupa ao 1% da poboación activa. A extracción petrolífera principiou en 1932 con capital norteamericano e, a causa da intensa explotación, as reservas estaban case esgotadas en 1992. Téntase substituír a merma de ingresos coas reservas de gas, as explotacións do cal, como as daquel, son monopolio do estado. Outro dos seus recursos minerais é o aluminio. As industrias transformadoras derivan en primeiro lugar do petróleo, refinado no mesmo país (Awali e Sitra). Hai tamén industria de elaboración de aluminio, que aproveita a abundancia de electricidade (de orixe térmica). O sector terciario xera ao 63% dos empregos, grazas ao crecemento da banca e dos servicios financieiros, que se benefician do capital de Arabia Saudí e de Kuwait. O porto principal é Mīnā´Salmān, pero como porto petroleiro é máis importante o de Sitra. O principal aeroporto está na illa de Al-Mu ḥ arraq. A balanza comercial é favorable. De Arabia Saudí importa petróleo cru, e do Xapón, dos EE UU e da Unión Europea manufacturas, maquinaria, transportes e alimentos. Exporta petróleo refinado e aluminio a Xapón, aos EE UU e aos Emiratos Árabes Unidos. A renda per cápita é unha das máis elevadas de Asia (7.480$/h). A unidade monetaria é o dinar de Bahrain.
Xeografía humana
A poboación de Bahrain rexistra un elevado crecemento natural (22‰ en 1995), resultado dunha natalidade do 27,4‰ e dunha mortalidade do 5,4‰. A poboación urbana acada o 90,3% (1995). A maioría é árabe (64%), e hai minorías persa, india e paquistaní (30% da poboación). A lingua oficial é o árabe, pero está moi difundido o inglés. A relixión predominante é o Islam (81,8% da poboación), cun 57,3% de xiítas fronte a un 24,5% de sunnitas; hai tamén unha importante minoría de cristiáns (8,5%). Os servicios educativos e sanitarios son de carácter público. A principios da década dos noventa había máis de 100.000 alumnos nas escolas primarias e secundarias. A educación superior impártese na Universidade de Bahrain (1986) en Al-Manama O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Bahrain entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o trixésimo sétimo posto cun índice do 0,832). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 72,9 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 86,2% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 81%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 16.527 $ USA.
Goberno e sociedade
Independente desde 1971, Bahrain é unha monarquía hereditaria, na que o Emir designa o goberno. A Constitución de 1973 prevía unha Asemblea lexislativa, pero permanece en suspenso dende 1975 por decisión do Emir. O sistema xudicial baséase na lei islámica (xaria). Está en vigor a pena de morte. En 1997, a subcomisión da ONU para a prevención da discriminación e a protección do menor acusou a Bahrain de abuso no eido dos dereitos humanos (torturas aos prisioneiros, execucións sumarias e excesivo recurso ao cárcere para as mulleres). Bahrain non está adherido a ningún dos convenios ou tratados que rexen en materia de Dereitos Humanos. Os partidos políticos son ilegais. Mantén un litixio territorial con Qatar sobre a soberanía das illas Hawar. Bahrain é membro da ONU, da Liga Árabe, da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP) e do Consello de Cooperación do Golfo.
Historia
O arquipélago de Bahrain está habitado aproximadamente desde o terceiro milenio a C; foi identificado co Tilmun dos mesopotámicos, escala nas comunicacións co val do Indo. Baixo dominio persa (ss IV e VII) pasou á órbita árabe no s VII, se ben permaneceron os habitantes xudeus e cristiáns establecidos no s I. Entre o 930 e o 950 acolleu a Pedra Negra da Ka’aba, a pedra santa do Islam. No s XVI foi ocupado polos portugueses (1507) e no s XVII pasou ao dominio persa (1622). En 1783 a familia al-Khalifa, expulsou os persas e estableceu o emirato de Bahrain, situando o país na órbita inglesa, coa sinatura de sucesivos tratados de cooperación dende 1820 ata 1914, cando acordou converter Bahrain nun protectorado británico. En 1957, o Reino Unido concedeulle unha ampla autonomía. Por iniciativa británica, en 1968 participou en conversas para integrarse na Federación de Emiratos Árabes, rexeitando finalmente esa posibilidade. En agosto de 1971 Bahrain accedeu á independencia e asinou tratados de amizade co Reino Unido e cos EE UU. En 1973 tentouse establecer un réxime democrático, pero en 1975 o Emir ‘Isā ibn Sulmān al-Khalifa disolveu a Asemblea Nacional. O establecemento do réxime fundamentalista en Irán renovou as reclamacións deste país sobre Bahrain, oficialmente abandonadas desde 1970. En 1981, Bahrain tomou parte na fundación do Consello de Cooperación dos Estados Árabes do Golfo. Na mesma data tivo lugar un intento de golpe de estado protagonizado por xiíta, co apoio de Irán. A raíz do extinguimento das reservas petrolíferas, Bahrain tentou converterse desde mediados da década de 1980 nun centro financeiro internacional. O prooccidentalismo de Bahrain manifestouse ás claras na Guerra Irán-Iraq (1980-1989) e na do Golfo Pérsico (1991), nas que os EE UU utilizaron a posición estratéxica deste estado con fins militares. En 1995 estouparon novamente conflitos sociais protagonizados pola poboación xiíta, afectada de maneira desproporcionada pola crise económica. Os recursos petrolíferos son relativamente escasos polo que o goberno do emir terá que esforzarse para diversificar a industria e explotar os seus recursos de gas natural. Hamad ibn ‘Isā al-Khalifa sucedeu o seu pai,’Isā ibn Sulmān al-Khalifa, falecido en marzo de 1999.