Baíñas, Santo Antoíño de

Baíñas, Santo Antoíño de

Igrexa e mosteiro situado na parroquia de Baíñas (Vimianzo). O antigo mosteiro medieval, de orixe descoñecida, foi fundado durante o episcopado de Sisnando I, bispo de Compostela. Tivo o título de abadía ata o ano 1417, data na que foi anexionado ao cenobio de San Pedro de Fóra de Santiago, por privilexio do arcebispo don Lope de Mendoza. En 1487 converteuse en priorado de San Martiño Pinario. Actualmente é igrexa parroquial. Das súas antigas dependencias só se conserva o templo de estilo románico avanzado, datado no primeiro terzo do século XIII; destaca a ábsida, de planta rectangular, cun arco triunfal apuntado e dobrado que descansa en capiteis troncocónicos con decoración vexetal moi xeometrizada. No exterior son notables as arcadas de medio punto que se dispoñen entre os contrafortes da capela. Nos beirís dos tellados da nave consérvanse numerosos canzorros decorados con figuras humanas. O tímpano da porta norte decórase coa figura dun xinete, de formas moi bastas.