Baiona
Cidade do País Vasco francés situada na confluencia dos ríos Ador e Niva (40.051h [1990]). A manufactura de armas de Baiona coñécese desde hai séculos; destaca tamén a industria mecánica. Antiga fortaleza romana denominada Lapurdum, durante a Idade Media pertenceu ao Ducado de Aquitania e, xunto con este, pasou cara ao 1154 ao poder de Inglaterra ata a ocupación francesa (1451). Na cidade asináronse diversos tratados, entre os que sobresae o Tratado de Baiona entre Luís XI de Francia e Xoán II de Aragón, e no ano seguinte, a entrevista entre Enrique IV de Castela e Luís XI de Francia, coñecida como a Sentencia Arbitral de Baiona. No ano 1808 Napoleón Bonaparte convocou en Baiona a familia real española co gallo de obter as sucesivas abdicacións de Carlos IV en favor do seu fillo Fernando VII e a deste en favor do gobernante francés. En 1808 axuntouse alí unha asemblea de notables á que se lle deu carácter de Cortes de Castela, que aprobou o Estatuto Real de Baiona. Entre os seus monumentos sobresaen os restos das murallas romanas e a catedral (ss XIII-XIV).