Baixa Limia

Baixa Limia

Comarca do S de Galicia, na fronteira (A Raia) con Portugal. Ten unha extensión de 530,46 km2nos que acolle unha poboación de 10.275 h (1998), distribuídos nos concellos de Bande (98,96 km2; 2.679 h), Entrimo (84,52 km2; 1.510 h), Lobeira (68,88 km2; 1.249 h), Lobios (168,38 km2; 2.715 h) e Muíños (109,72 km2; 2.122 h), resultando unha densidade de 19,37 h/km2. Limita polo N coa Terra de Celanova (concello de Verea), polo L coa Limia (Rairiz de Veiga, A Porqueira e Calvos de Randín) e con Portugal polo S e polo O. A cabeceira comarcal é a vila de Bande. A pesar do seu reducido tamaño, conta coa suficiente dotación de servicios públicos (sede de partido xudicial) e privados como para cumprir o papel de centro de referencia do resto da comarca.
Xeografía física
Ó analizar o clima dominante na comarca da Baixa Limia debemos distinguir as terras altas, por unha banda, e o fondo do val, por outra. No primeiro caso as temperaturas son baixas, cunha media anual de 8,2°C, dando como resultado invernos fríos (media de 2,5°C en xaneiro) e veráns frescos (media de 15,1°C en agosto). No segundo, as temperaturas son moito máis calidas acusando xa certa mediterranización, cunha media anual de 13,1°C sendo as temperaturas invernais moderadamente frías (6,5°C en xaneiro) e os veráns moi cálidos (20,7°C en agosto). As precipitacións son abundantes ao penetrar masas de aire húmido polo val do Limia. Deste xeito superan amplamente os 2.000 mm anuais na montaña, e están ao redor dos 1.400 mm no fondo do val. Estas características exemplarizan un clima oceánico de montaña para as terras altas, que pasa a ser oceánico continental nas terras baixas. Como resultado, a vexetación é abondosa, observándose unha gradación da mesma en relación coa altitude. Nas montañas dominan os terreos rochosos e os carrizais, a media altura abundan os piñeiros; nas terras baixas o dominio corresponde ás carballeiras, actualmente en regresión, ademais dos antes abundantes castiñeiros. Máis illadamente aparecen sobreiras nos espacios protexidos, bidueiros, e, nas marxes dos ríos, aparecen amieiros, freixos ou negrillos. Estas terras ocupan o último tramo do río Limia antes de que entre en Portugal. O seu relevo é moi accidentado. Nas terras ao sur do río Limia (concellos de Muíños e Lobios) destacan, seguindo a dirección NL-SO, as serras de Pisco, Xurés e Cruz de Piñeiro, cunha altitude media ao redor dos 1.300-1.400 m, acadando as altitudes máximas da comarca co Pico do Sobreiro de 1.542 m. Distinta disposición (N-S) mantén a serra de Santa Eufemia, separada do conxunto anterior polo canón do río Caldo, e que chega aos 1.100-1.200 m de altitude. Cara ao norte do río Limia sobresaen as aliñacións situadas no occidente da comarca, coa serra do Leboreiro á cabeza, de dirección N-S, descendendo a súa altura gradualmente nese sentido. Así, as terras de Lobeira, marcando a fronteira con Portugal, están comprendidas entre os 1.200-1.300 m. Máis cara ao S, en Entrimo, diminúe a altitude gradualmente cara aos 1.000-1.100 m, tendo un carácter máis descontinuo, deixando relativamente illados os montes do Quinxo. Neste último tramo deixa de separar a comarca de Portugal e pasa a marcar a divisoria co río Castro. Tamén cara ao N e marcando o límite setentrional da Baixa Limia, están os montes de Bande, con alturas ao redor dos 1.000 m, constituídos en divisoria das concas do Limia, do Deva e do Arnoia. A totalidade da comarca está drenada pola conca do río Limia, que discorre en dirección NL-SO. No seu curso atópanse os encoros de Lindoso e As Conchas, que anegan boa parte das mellores terras da comarca. Neste tramo, o Limia segue un curso caracterizado polo encaixamento. En certos puntos, a pendente do seu cauce é moi acusada: río abaixo do encoro das Conchas, descende máis de 200 m en menos de 3 km. O Limia artella a rede fluvial da comarca e disecciona profundamente o seu territorio. Así pola dereita, destaca o río Cadós, que nace na serra do Leboreiro e drena a maior parte do concello de Bande. Tamén nesta serra nace o Grou, que parte en dous o concello de Lobeira. Outro afluente, o Agro, e o seu tributario o Montaña, marcan a separación entre a serra de Leboreiro e os montes de Quinxo, e drenan o concello de Entrimo. Por último, o río Castro fixa parte da fronteira con Portugal nos concellos de Entrimo e Lobios. Pola esquerda, atópase o Salas, principal afluente do Limia neste treito; entra na comarca en Muíños e alí retéñense as súas augas no encoro de Salas, para finalmente desembocar no Limia, xa no concello de Lobios. Este río conforma a súa propia rede fluvial, recibindo numerosos regos como o Mao e o Cabaleiros, procedentes do Xurés. Contrariamente á maioría do resto dos afluentes, o Salas non segue unha dirección N-S senón L-O. Río abaixo, o Limia recibe dous ríos máis: o Lobios e o Caldo, denominado deste xeito porque en diversos tramos do seu percorrido leva augas tépedas. As características dos seus afluentes, especialmente os da súa marxe esquerda, son o seu curto percorrido e que presentan unha forte pendente ao ter as súas cabeceiras moi próximas á desembocadura.
Xeografía humana
A poboación da comarca experimentou ao longo do século XX unha evolución moi negativa, que supuxo que os efectivos demográficos en 1998 (10.275 h) se reduciran ao 49,09% dos existentes antes de principiar o século (20.928 h en 1900). De xeito máis concreto, no primeiro terzo alternáronse décadas de feble crecemento con décadas de lixeiro retroceso, por mor do efecto da emigración ultramarina. Na década de 1940 experimentouse un forte incremento da poboación, debido á interrupción dos fluxos emigratorios, como consecuencia da Segunda Guerra Mundial (1939-1945) e tamén polo illamento internacional de España logo da Guerra Civil (1936-1939). Na década seguinte iniciouse un progresivo descenso coa reapertura da emigración, só freado pola crise de 1973, reactivado durante a década de 1980 e detido de novo durante a última década. A emigración tivo como primeiro destino América (Arxentina, Brasil e Cuba, ata 1950, e Venezuela na década seguinte). Na década de 1960, os destinos principais mudaron cara a Europa Occidental e as áreas máis desenvolvidas de España (Bizkaia, Madrid, Barcelona) e Galicia (Vigo e Ourense). Ata ese momento esta emigración vírase compensada pola elevada natalidade, pero a partir de aí comezou a declinar, e as perdas demográficas tornáronse alarmantes. Con posterioridade, o factor principal da decadencia demográfica da comarca xa non foi tanto a emigración, como a desvitalización vexetativa derivada da incidencia dos movementos emigratorios, non compensada tan sequera polos retornados da emigración. Esta decadencia vexetativa reflíctese na distribución por grupos de idades; o avellentamento é evidente, ao dobrar os maiores de 65 anos aos menores de 20 (33% fronte 14,7%). Esta situación repítese nos seus diferentes concellos, só Lobios se presenta como unha excepción relativa ao superar os novos o 15% e os vellos representar pouco menos do 30%. Os concellos onde a proporción de mozos é inferior aos valores comarcais son Entrimo, Lobeira e Muíños, que tamén sobrepasan a media comarcal nos grupos de idades máis avanzadas.
Xeografía económica
A agricultura é unha actividade importante pero sen chegar a ser predominante, empregando a nivel comarcal o 31,8% dos ocupados. É a primeira actividade nos concellos de Lobeira (43,6%) e Muíños (33,1%). Polo demais, nos outros tres non pasa de ser a segunda actividade por volume de ocupados (en Bande dá traballo ao 26,8% da forza laboral, en Entrimo ao 37,4%, e en Lobios ao 26,4%). Esta moderada importancia para unha comarca rural do interior aséntase no escaso desenvolvemento da actividade agraria. Nestes concellos non se deu o proceso de modernización e especialización produtiva rexistrados noutras comarcas galegas. Só a presenza dun bo número de granxas, en moitos casos asociadas a COREN e localizadas en boa medida en Lobeira, reflicten unha certa adaptación ás novas condicións da demanda. Dedícanse sobre todo ao porcino, pero tamén as hai de vacún, aves poñedoras e caprino. A industria é moi feble e só ocupa o 10% dos traballadores, acadando os valores máis significativos en Lobios (12,7%). Nos restantes concellos nin sequera chega á media comarcal (en Bande ocupa o 9,1% dos empregados, en Entrimo o 8,8%, en Lobeira o 9,3%, e en Muíños o 9,4%). Debido a esta escasa capacidade de emprego, a súa incidencia é moi pequena no tecido produtivo local, existindo pequenos serradoiros de madeira, algunhas canteiras de granito, talleres pirotécnicos e de confección de prendas de pel. Ademais das actividades antes sinaladas adquire especial relevancia a produción de electricidade nos encoros das Conchas e Salas, pertencentes a Unión Fenosa. Porcentualmente, a construción ten máis relevancia ao ocupar a nivel comarcal a un 18,7% da man de obra. Por concellos, onde posúe máis transcendencia é en Muíños (27,1%), no resto a súa capacidade xeradora de emprego é sensiblemente menor (en Bande ocupa o 17,4% dos traballadores, en Entrimo o 15,2%, en Lobeira o 17,6% e en Lobios o 16,3%). Esta actividade preséntase como unha actividade refuxio, en moitas ocasións complementada coa actividade agraria a tempo parcial, predominando unidades económicas de tamaño moi cativo dedicadas a pequenas obras. Durante a construción do encoro de Lindoso, na segunda metade da década de 1980, tivo un auxe moi forte; a necesidade de edificar novas vivendas para acoller os poboadores das aldeas anegadas animou o sector. Os servicios acollen a maior proporción de empregos, tanto a nivel comarcal (39,5%) como municipal (Bande cun 46,6%, Entrimo 38,6% e Lobios 44,6%). Só en Lobeira e Muíños queda relegado trala agricultura (co 29,5% e o 30,5%, respectivamente), debido á súa menor centralidade e ao seu maior illamento. Na grande importancia desta actividade, ademais das insuficiencias da agricultura, inflúen outros factores como o carácter de centro de servicios a nivel comarcal de Bande, certo desenvolvemento de actividades de esparexemento no municipio de Entrimo (hoteis, restaurantes, residencia da terceira idade, espazo acondicionado para colonias de veraneantes) ou as relacións comerciais de Lobios con Portugal. Outro factor engadido son os desprazamentos de veciños da comarca para traballar en Celanova ou mesmo en Ourense. Na vila de Bande concéntranse os principais servicios públicos: ademais da sede do partido xudicial, localízanse as oficinas do Servicio de Extensión Agraria, o Instituto de Ensino Secundario e Profesional, e os principais servicios sanitarios. Tamén é onde se localizan o comercio e os servicios privados máis cualificados do conxunto comarcal. A rede viaria está artellada pola estrada nacional N-540 de Lugo á fronteira portuguesa. Desta estrada principal parten outras secundarias, como as que unen Bande con Lobeira e Entrimo, Padrenda e Xinzo de Limia, e as que partindo das proximidades de Lobios enlazan a N-540 con Muíños e Xinzo de Limia, e coa fronteira portuguesa por Portela de Home.
Historia
A presenza humana da Baixa Limia iniciouse na metade final do IV milenio, momento no que se espallou polas terras altas e medias da comarca o megalitismo, como testemuñan as 179 mámoas, entre as que cómpre salientar a de Mugueimes, Maus de Salas e os conxuntos de Montelongo ou Monte das Motas. Durante a segunda metade do III milenio, producíuse un dobre fenómeno na ocupación do espacio: a construción das sepulturas tumulares da fase final do megalitismo nas terras medias e altas e a eclosión dos poboados calcolíticos ao aire libre nas terras baixas (Mugueimes, 2300 a C). Esta mesma duplicidade mantíñase a finais do III milenio, cando se produciu unha segunda calcolitización da zona, situándose os poboados precampaniformes nas terras baixas e os do campaniforme antigo nas terras medias. Así mesmo, é preciso subliñar que aparecen restos de pintura na mámoa de Mota Grande, nas mámoas 2 e 3 de Maus de Salas, e na mámoa 10 da Serra das Motas, na que tamén están rexistrados uns gravados rupestres. Segundo as fontes clásicas, o pobo prerromano quarqueno habitou este territorio, xa que situaban os seus límites entre as serras do Larouco, o Xurés e a Peneda. En época romana atravesou a Baixa Limia a vía romana número XVIII, chamada tamén alio itenere ou nova, que unía Bracara (Braga) con Asturica (Astorga). Desta vía atópanse na comarca a segunda mansión, Aquis Originis, e a terceira mansión e campamento romano Aquis Querquennis (no encoro das Conchas, en Bande); así mesmo, os miliarios da Portela do Home (Lobios) e algúns treitos de calzada, son un documento máis da intensa romanización deste territorio. Na Idade Media tanto as autoridades eclesiásticas como a nobreza litigaron entre eles por mor dos grandes beneficios económicos que producía esta comarca. O Rei Afonso III de Asturias, Galicia e León (866-910) enviou no ano 910 o nobre Adoario coa intención de repoboar a comarca; mentres, o seu curmán Diácono cedía esas terras a San Rosendo, fundador do mosteiro de San Salvador de Celanova. No s XI producíronse incursións musulmanas, aínda que a súa presenza non foi duradeira. Como consecuencia do triunfo da casa de Trastámara trala guerra contra Pedro I, o novo Rei, Enrique II, cedeu Entrimo a Xoán Rodríguez de Biedma, principal valedor da casa de Trastámara nas terras limegas. Da casa de Biedma pasou este dominio á casa de Monterrei, que se converteu no principal dominio laico na comarca. O seu carácter fronteirizo determinou os continuos conflitos con Portugal, que comezaran no s XII. Debido a esa circunstancia, que afectou especialmente as terrras de Entrimo e Lobeira, Filipe III (1608) e Filipe IV (1643) eximiron aos seus veciños das cargas militares e doutras contribucións. Durante a Guerra de Sucesión española (1701-1714) a poboación baixolimega tivo que aloxar e alimentar as tropas que se dirixían a loitar contra os portugueses e os ingleses, aliados da Casa de Austria. A chegada da nova dinastía borbónica tivo consecuencias negativas para a comarca, ao derrogar as exencións fiscais que viñan gozando dende a época de Filipe III. Lobeira acadou ampla sona durante a Guerra da Independencia, xa que alí se constituíu o 27 de marzo de 1809 a Xunta de Defensa baixo a presidencia do bispo de Ourense Pedro Quevedo. As batallas que se desenvolveron en Portugal contra o exército de Soult provocaron a chegada á comarca de numerosos refuxiados portugueses. O seu carácter fronteirizo foi de novo determinante nas loitas pola consolidación do liberalismo na Península Ibérica, xa que alí tiveron lugar accións conxuntas a ambos os lados da raia. Durante a primeira metade do s XX xurdiron algúns núcleos galeguistas na comarca, como a agrupación de Mocidades Galeguistas de Bande, que iniciou as súas actividades no ano 1932. A Guerra Civil (1936-1939) e a posguerra afectaron enormemente a comarca, onde funcionaron múltiples pasos clandestinos polas montañas limítrofes con Portugal, que favoreceron a acción dos maquis e a fuxida dos opositores ao réxime franquista. O Patrimonio Cultural está representado polos numerosos restos arqueolóxicos así como pola igrexa prerrománica de Santa Comba de Bande e a igrexa barroca de Santa María a Real de Entrimo. Así mesmo, é salientable a Ponte Pedriña, situada en Parada de Ventosa (Muíños) e anegada na actualidade polo encoro das Conchas. O Patrimonio Natural é de grande importancia nesta comarca, como proba o espazo protexido da serra do Xurés e o espazo natural que abrangue as marxes do encoro das Conchas.
Configuración comarcal
Durante o Antigo Réxime no actual territorio comarcal atopábanse as xurisdicións de Araúxo (Lobios), Bande, Calvos de Randín (Muíños), Güin e Cartelos (Bande), Entrimo (Entrimo e Lobios), Lobeira (Lobeira), Rairiz de Veiga (Bande e Muíños) e Xendive (Lobios), ademais dos coutos redondos de Grou de Celanova (Lobios), Lobios (Lobios), Maus de Salas (Muíños), Santa Cruz de Grou (Lobeira), Trasportela (Lobios) e Val de Riocaldo (Lobios), adscritos todos á antiga provincia de Ourense. A estas xurisdicións correspondía unha gran diversidade de señoríos: nuns casos eran terras de reguengo, noutros señorío eclesiástico (mosteiro de Celanova, encomenda de Quiroga da orde de San Xoán, bispado de Ourense), ou mesmo de nobiliario (condes de Lemos, Monterrei e Ribadavia), ademais de pequenas xurisdicións a cargo de persoas non incluídas nas categorías precedentes (Xendive). Coa reforma administrativa de 1833, os concellos da comarca integráronse no partido xudicial de Bande. Entre 1945 e 1965 o partido de Bande dividiuse entre os chamados xulgados comarcais de Entrimo (Entrimo, Lobeira e Lobios) e Bande (Bande e Muíños). Esta circunstancia reforzou a capitalidade comarcal para Bande coa limitada competencia de Entrimo, malia contar cunha oferta de servicios escasamente desenvolvida. A organización funcional estrutúrase en dous niveis: internamente existe unha clara vinculación con Bande, agás Lobios, que orienta a súa actividade privada cara a Entrimo; extracomarcalmente, a vinculación principal é con Celanova, que posúe servicios administrativos especializados e unha importante área de mercado, e con Ourense, sobre todo o concello de Lobeira. Debido a esta circunstancia a Baixa Limia é unha comarca mellor definida pola súa singularidade natural e polos vínculos históricos que mantén con Portugal, que por factores socioeconómicos e funcionais.