Baixa Limia-Serra do Xurés, Parque Natural da

Baixa Limia-Serra do Xurés, Parque Natural da

Conxunto de macizos montañosos de acusadas pendentes na comarca da Baixa Limia, declarados Parque Natural en 1993, e que limitan co Parque Nacional portugués da Peneda-Gêres. A ampla rede de afluentes do Limia, entre os que destacan o río Caldo, o Agro e o Salas, drena o territorio do parque e constitúe un elemento decisivo na configuración do relevo e na distribución da flora e da fauna. Ao N do río sitúanse a Serra do Laboreiro e o Monte da Fraga, ao NO os Montes do Quinxo, e ao S as serras de Santa Eufemia e a do Xurés. A superficie do parque e de 20.920 ha repartidas entre os concellos de Entrimo, Lobios e Muíños. A maior parte do territorio do parque atópase por riba dos 1.000 m de altitude, acadando o punto máis elevado nos 1556 m da Nevosa, na serra do Xurés.
Xeoloxía e xeomorfoloxía
O substrato litolóxico está constituído maioritariamente por granitos e granodioritas, pero tamén aparecen xistos e gneises con baixo contido en cuarzo no sector noroccidental, e rochas migmatíticas ao redor do encoro das Conchas. No eido xeomorfolóxico, aprécianse os efectos do glaciarismo nos vales dos ríos Caldo, Vilameá e Homen, nos que se observan restos de morrenas laterais, localizadas a distinta altitude, así como conos de dexección; sen embargo, a típica forma en U dos vales glaciares non é doada de apreciar por mor de que a posterior acción erosiva das augas volveu a encaixar os vales. Outro fenómeno salientable son as formas graníticas acasteladas ou redondeadas; estas últimas, coñecidas como bolos, caracterizan a paisaxe do parque e son o resultado da incisión erosiva sobre os planos de diaclasación que amosan este tipo de rochas.
Flora e vexetación.
O parque sitúase nunha zona de transición entre as rexións florais eurosiberiana e a mediterránea. Nos vales húmidos existen redutos de vexetación atlántica composta por especies propias do bosque de ribeira como son amieiros, salgueiros, freixos e lamigueiros. As ladeiras das montañas están poboadas por carballos cerquiños, ou cubertas maiormente de monte baixo. Así mesmo, aparecen loureiros, acivros, bidueiras, teixos, acereiro e o guillomo. Nas zonas máis secas están presentes os érbedos e as sobreiras. Doutra banda, nas partes altas das serras, aparecen extensos cultivos forestais de piñeiros. A vexetación non arbórea do parque confírelle un elevadísimo valor florístico dado que neste espazo crecen un bo número de endemismos do noroeste peninsular entre os que se atopan Iris boysieri, Paradisea lusitanica, Sedum pruinatum, Phalacrocarpon opositum jofmanse e o Narcissum juresianus. Outras especies e subespecies merecen subliñarse pola súa escaseza en Galicia como é a Armeria humilis odorata, Minuartia recurva juresi, Serratula legionensis, Centaurea aristata geresensis ou Eryngium juresianum. Unha mención especial merece o fento Lacristela dentata, unha especie relíctica da flora macaronésica.
Fauna
A fauna do parque tamén é notable, destacando entre as aves a presenza da cada vez máis escasa en Galicia aguia real, que criou nestas paraxes ata principios da década de 1990. Outras especies de aves características son o merlo azul, a choia biquivermella e a pica patinegra. Entre os mamíferos están presentes o lobo e o corzo e hai un século podía ollarse a extinguida cabra montesa da subespecie galaico-portuguesa. Actualmente, se reintroduciu en réxime de semiliberdade, outra subespecie de cabra montesa das dúas que quedan na Península. Entre os réptiles destaca a víbora fociñuda e a lagartixa dos penedos. Merecen ser subliñadas as cinco razas de vacas morenas -Limiá, Cachena, Frieiresa, Caldelá e Viesa-, presentes en toda a comarca da Baixa Limia, especialmente adaptadas ás condicións orográficas do territorio.

Palabras veciñas

Baixa California Sur | Baixa Limia | Baixa Limia | Baixa Limia-Serra do Xurés, Parque Natural da | Baixa Navarra | Baixa Normandía | Baixa Saxonia