Baixo Miño, O

Baixo Miño, O

Comarca do extremo sudoccidental da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa superficie é de 322,83 km2 e contabiliza un total 45.090 h (1998) distribuídos nos concellos da Guarda (20,5 km2; 9.919 h), Oia (83,28 km2; 2.956 h), O Rosal (44,13 km2; 5.807 h), Tomiño (106,6 km2; 10.652 h) e Tui (68,32 km2; 15.756 h). A entidade administrativa baséase na comarca natural do Baixo Miño, a pesar de que esta poida integrar un maior número de concellos polo nordés. Amosa uns claros límites naturais, lindando ao norte co Val Miñor e A Louriña, ao S co río Miño e ao O co Océano Atlántico. O límite administrativo dos concellos de Tui e Salvaterra é a fronteira oriental coa comarca do Condado. A cabeceira comarcal é Tui, que está situada nos 42° 2’ 5’’ de latitude N e nos 8° 38’ 7’’ de lonxitude O.
Xeografía física
O clima da comarca correspóndese co dominio oceánico húmido con tendencia á aridez estival, caracterizado por temperaturas suaves, ao redor dos 15°C de media anual, e precipitacións anuais importantes, cercanas aos 1.500 mm, concentradas fundamentalmente no outono e no inverno. Os contrastes na comarca veñen dados en canto ás temperaturas, sobre todo pola oposición litoral-interior e en función das diferencias altitudinais; no que respecta ás precipitacións, pola localización litoral. O Baixo Miño, debido á súa situación costeira e meridional, sofre a influencia dos húmidos fluxos atlánticos e as perturbacións asociadas. A confluencia dun territorio costeiro con outro interior dá lugar a que a comarca tamén experimente certos trazos climáticos propios do interior rexional, como poden ser a amplitude térmica e os fenómenos de inversión térmica coas conseguintes néboas que, acrecentadas pola influencia do río Miño, son tan habituais na depresión de Tui. Os datos para a análise termopluviométrica proveñen dos cinco observatorios meteorolóxicos instalados na comarca: Camposancos (A Guarda), Tomiño, Monte Aloia (Tui), Paramos (Tui) e Castro Vilacudo (Oia), aos que podemos engadir informacións doutras estacións cercanas como as de Granxa de Louro (O Porriño) e Áncora (Portugal). As temperaturas medias da comarca son elevadas para esta latitude. Por un lado, a influencia atlántica modera as posibles oscilacións térmicas, pero por outro, as barreiras orográficas do interior reducen esa influencia marítima. A temperatura media anual oscila entre a máxima de 14,4°C de Paramos e os 12,2°C de Castro Vilacudo. A amplitude térmica anual é moderada (sobre os 10-15°C), pero acrecéntanse a medida que nos diriximos ao interior e cara a Tui. Os compoñentes continentais do territorio non costeiro dan lugar a un gran número de días con risco de xeada, que aumentan de xeito considerable dende a costa ao interior. A amplitude térmica anual é relativamente importante sobre todo nos termos de Tui e Tomiño, o que orixina importantes xeadas ao longo do outono-inverno e, secundariamente, na primavera. O río Miño é causante de habituais néboas. Mentres as temperaturas e a oscilación térmica aumentan cara ao interior, no litoral da Guarda e Oia as temperaturas son máis suaves e moderadas ao longo do ano, o que se traduce en oscilacións máis reducidas. O espazo de montaña rexistra temperaturas mínimas máis baixas e maiores precipitacións, debido á influencia da altitude no incremento da chuvia caída. As precipitacións rexistradas anualmente no monte Aloia rondan os 2.000 mm, cando para o resto de estacións están sobre os 1.500 mm. Existen poucas diferencias no total de litros rexistrados entre as outras estacións. A distribución das precipitacións ao longo do ano é irregular, con maior incidencia entre outubro e maio, cando se recolle o 85% do total anual de precipitacións. No período estival recóllense unicamente uns 300 mm. As precipitacións son consecuencia fundamentalmente da acción da fronte polar atlántica. O relevo do Baixo Miño aparece dominado pola serra da Groba, ao O, mostrando fortes pendentes cara ao mar, e a serra do Argallo na súa parte central. Existen alturas considerables, que superan en varias ocasións os 500 m a pesar da cercanía do oceáno: Aloia (631 m), Lousado (613 m), Corrubelo (597 m), Campo do Couto (552 m) e Pedrada (519 m). Entre os accidentes de costa máis salientables sitúanse a punta Centinela, punta Orelluda, Pena Agoeira e a punta de Santa Tegra. As principais unidades morfolóxicas desta comarca son o val do Miño e a área costeira. Xunto a estas distínguense outras dúas áreas de menor importancia como son o conxunto de vales dos afluentes do Miño e os interfluvios. O resultado da intensidade da acción da rede fluvial e da tectónica de fractura no Baixo Miño é a existencia dun relevo continuamente movido por montañas e outeiros que, sometidas aos procesos de meteorización, dan lugar a formas suaves e redondeadas. A tectónica predominante vén dada pola influencia das oroxenias Herciniana e Alpina, ás que posteriormente lles afectou a actividade erosiva do Cuaternario. As rochas que dominan no solo son, en xeral: granitos, gneises e xistos (fundamentalmente micacitas). Visiblemente atractivo e abundante nesta comarca é o amplo abano de formas do relevo graníticas, debido tanto á variedade litolóxica como estrutural. Entre outros destacan os tor ou castelos no Monte Aloia. Igualmente existe unha importante representación de materiais terciarios e cuaternarios. Os terciarios atopámolos fundamentalmente no río Louro (arxilas puras, arxilas salubrosas, areas, grava miúda, gravas, etc) e nos lugares da Granxa, As Gándaras e Orbenlle (pudingas cuarcíferas). O Cuaternario aparece formando parte do solo actual e constituído sobre todo por limos, terras heteroxéneas, gravas e depósitos de cantos rodados. No val do Miño pódense distinguir catro niveis de socalcos. A franxa costeira litoral oceánica conforma a segunda unidade morfolóxica máis representativa da comarca. Esta área próxima ao océano, que se estende dende a desembocadura do Miño no Atlántico ata o norte do concello de Oia, é unha franxa estreita, de litoral rectilíneo e pouco recurtado que conforma a denominada rasa mariña. Sobre esta plataforma de abrasión existen tamén socalcos mariños. A tipoloxía de costa rochosa non facilita a existencia dunha gran cantidade de praias, a pesar dos 35 km de litoral. Entre todas elas destaca a de Camposancos, na confluencia do río Miño co océano, formada por area e cantos. En Camposancos tamén se desenvolve unha importante formación dunar, aínda que hoxe está parcialmente cuberta de arboredo. A rede hidrográfica está dominada polo río Miño, que se converte no elemento que lle confire personalidade e particularidade xeográfica á comarca, actuando de límite natural entre Galicia e Portugal. Percorre a comarca dende o L ao S onde desemboca no Océano Atlántico, formando o esteiro do Miño. O resto dos ríos e regos que drenan o Baixo Miño seguen con dirección N-SSO as fracturas tectónicas (fallas), conformando vales perpendiculares ao receptor ao aproveitar as fracturas nos xistos e granitos. Todos eles pasan a verter as súas augas no río Miño. Son os casos do Caselas, do Louro, do Seixal, do Furnia, do Cereixo da Braña, do arroio do Pego, do arroio da Fábrica, do Tollo e do Tamuxe. En xeral, estes ríos teñen o seu nacemento nas partes altas das serras do Argallo, do Galiñeiro e da Groba. O arroio Mougás e o río Viladesuso desembocan directamente no océano tras un curto percorrido dende A Groba e, por tanto, sen manter relación co río principal, ao Miño. Entre as principais áreas naturais que se inclúen nesta comarca están o Monte Aloia, catalogado como parque natural, e os espacios refuxio de caza das Gándaras de Budiño (parroquias tudenses de Ribadelouro, Rebordáns e Gullarei) e o esteiro do río Miño (A Guarda e San Miguel de Tabagón, no Rosal).
Xeografía humana
A evolución demográfica do Baixo Miño dende o censo de poboación do 1887 marca unha tendencia caracterizada polos altibaixos, que amosa finalmente un crecemento absoluto de 9.151 habitantes ata o 1996. A maior vitalidade de Tui e A Guarda son perceptibles fundamentalmente dende o 1960, xustamente no ano de inicio das crises demográficas xeneralizadas no rural galego e do comezo dos maiores desequilibrios territoriais. Ata esa data, a evolución poboacional vai vir marcada polas influencias derivadas das distintas fases emigratorias, primeiro aos países de ultramar (sobre todo ao Brasil, México, Arxentina e Venezuela) e despois a Europa (Suíza, Francia, Países Baixos e Alemaña, fundamentalmente). A partir desta década, constátase un aumento de efectivos en Tui e na Guarda e un lixeiro descenso, ou cando menos un estancamento, nos restantes tres concellos. Os comportamentos e dinámicas diferenciadas segundo sexa o lugar eminentemente urbano, como Tui e A Guarda, ou rural, como Oia, Tomiño e O Rosal, determina un aumento porcentual de habitantes dende o 1970 ao 1996 do 27% en Tui, o 16,7% na Guarda, o 14,88% en Oia e do 6,21% en Tomiño, por unha perda do -0,55% no Rosal. En conxunto, estas variables fundaméntanse nunhas taxas de natalidade reducidas, unha mortalidade en aumento -pero inferior á dos espacios máis avellentados da Galicia interior-; e un certo estancamento dos fenómenos migratorios, sendo máis significativos os retornos. No ano 1980 naceron no Baixo Miño un total de 803 nenos, cifra que se reduciu no 1996 a tan só 416, do que se desprende unha taxa media de natalidade do 9,15‰. A taxa de mortalidade expresa unha media do 9,33‰ no 1996. O resultado é un crecemento natural negativo, pero que é contrarrestado polo retorno de emigrantes e unha nova inmigración de Vigo ao periurbano da Guarda, así como pola atracción de poboación do rural próxima á vila de Tui. Os contrastes territoriais entre os espacios con núcleos urbanos e cun periurbano importante (Tui e A Guarda) con respecto ao rural (Oia, O Rosal e Tomiño) tamén se manifesta na estrutura por idades da poboación. En xeral, a participación dos maiores de 64 anos increméntase en todos os concellos, aínda que especialmente nos máis rurais. A porcentaxe de persoas de 65 e máis anos difire entre o 18,13% do Rosal e o 15,02% da Guarda no 1996. Os menores de 21 anos posúen unha menor representación en Oia (o 32,06% da poboación total), seguido do Rosal (o 32,10%) e Tomiño (33,87%). Os dous concellos máis vitalistas manteñen igualmente porcentaxes máis importantes de poboación nova: o 35,80% na Guarda e o 35,79% en Tui. A composición por sexos na comarca remarca a maior presenza de persoas do sexo feminino, que constitúen o 51,87% da poboación.
Xeografía económica
A economía do Baixo Miño ten unha base diversificada. Ao importante desenvolvemento da actividade agrícola e pesqueira, engádese un sector terciario predominante sobre todo en Tui e na Guarda, ao abeiro das actividades comerciais e administrativas propias dunha cabeceira comarcal e da expansión do subsector turístico. O 17,31% da poboación está ocupada no sector primario. A distribución da poboación ocupada por ramas de actividade amosa grandes contrastes a escala municipal. Así, A Guarda posúe a maior porcentaxe comarcal de poboación ocupada no primario (o 33,41%), debido fundamentalmente á importancia do subsector pesqueiro que chega ao 91,03% dos ocupados no primario (1996). O esmorecemento da actividade agrícola en Tui dá lugar a que só estean ocupados no primario o 3,91% da poboación. No resto dos concellos, a poboación do sector primario está entre o 17% e o 27%, sempre con predominio do subsector agrícola a pesar dunha certa relevancia do sector pesqueiro en Oia. As características naturais (clima e solo) converten esta comarca nunha das que presentan mellores condicións para o desenvolvemento dunha agricultura intensiva de alta produtividade potencial en Galicia. Determinados problemas estruturais -pequeno tamaño das explotacións, excesiva parcelación, escasos investimentos na mellora das explotacións, problemas de comercialización- inciden nunha produtividade proporcional máis baixa. A pesar de que a superficie de herbáceos, sobre todo millo, é a máis extensa da labrada na comarca, a importancia dos cultivos leñosos infírelle unha personalidade agrícola propia a este territorio. Neste aspecto destaca a presenza do kiwi -sobre todo en Tomiño, onde se produce o 39,4% do kiwi galego e o 23,9% do estatal-, así como outras froiteiras (maceiras, pereiras, cítricos, pexegueiros e ameixeiras). Entre as explotacións comerciais cómpre sinalar a existencia de cultivos de maceiras (Tui, O Rosal e Tomiño), melocotoeiros (Tui) e mirabeis, que en España só se atopan no Baixo Miño. As explotacións de viñedo ocupan unha posición privilexiada. O Rosal, Tomiño e a parroquia de Pexegueiro en Tui están incluídas na Denominación de Orixe Rías Baixas, coa marca de viños do Rosal. A cercanía ao mercado urbano de Vigo revaloriza unha serie de cultivos intensivos, de gran valor engadido, que atoparon un importante desenvolvemento no Baixo Miño nos últimos anos: os cultivos baixo abrigo, sobre todo a flor cortada e as hortalizas. A gandería conta cunha importancia relativa na comarca. Na maioría das ocasións a gandería e a agricultura preséntanse asociadas (explotacións mixtas), dominando a bovina. A superficie ocupada polas masas forestais representa unhas 20.561 ha no Baixo Miño. O subsector forestal é básico para o sostemento da economía da comarca, sobre todo pola proliferación de especies de rápido crecemento e rendabilidade económica, como son as coníferas (Pinus pinaster) e o eucalipto. O incremento coñecido polo sector secundario provoca que, na actualidade (1996), dea traballo ao 36,36% da poboación ocupada na comarca. A excepción vén dada polo concello da Guarda, onde o decrecemento do sector está asociado á perda de peso da industria de estaleiros e reparación de barcos, consecuencia tanto da crise trala reconversión industrial como polo desprazamento das principais actividades ao cercano porto de Vigo. Mesmo hoxe en día, A Guarda presenta a menor porcentaxe de poboación activa ocupada no sector secundario da comarca, o 23,49%. A maior ocupación na industria dáse en Tomiño (o 48,36%), non tanto pola capacidade industrial do concello senón máis ben pola importante atracción no emprego secundario exercido por municipios veciños como O Porriño e Vigo. A localización do Baixo Miño na área de influencia dos centros industriais de Vigo e O Porriño non orixinou a aparición dunha industria subsidiaria das empresas establecidas neses focos industriais. Nesta comarca están rexistradas cerca de 900 sociedades industriais, que dan traballo a máis de 3.500 persoas. En xeral, son empresas de pequeno tamaño, onde destacan as de construción, que están localizadas preferentemente en Tui. O principal foco de localización industrial da comarca está ao longo da estrada C-550 que une Tui e A Guarda. O sector servicios dá traballo ao 41,29% da poboación da comarca, destacando Tui co 49,61% e A Guarda co 43,08%. Predomina o comercio, sobre todo minorista, que constitúe a actividade principal en número de establecementos. En segundo lugar, os empregos nas administracións e nos servicios públicos. Pola contra, son moi escasos os servicios orientados á satisfacción de necesidades empresariais. Pode chegar a afirmarse que o crecemento de Tui experimentado nas últimas décadas é unha consecuencia da súa actividade comercial, sobre todo en relación con Portugal. A mellora das vías de comunicacións con Vigo e a desaparición da fronteira introduce interrogantes ao progreso deste sector, ou incluso á súa situación económica xeral. O desenvolvemento do subsector do turismo nos últimos anos fai que diversas actividades relacionadas coa súa explotación comecen a consolidarse no Baixo Miño, en especial as aparecidas ao abeiro do turismo estival na Guarda. Na actualidade, a explotación do turismo rural redúcese a sete casas rurais: unha en cada un dos concellos da Guarda, O Rosal e Tui, e tres en Tomiño. As principais vías de comunicación son a Autovía do Atlántico que enlaza Tui co Porriño e Vigo, e con Portugal a través da ponte internacional de Tui. Entre as comunicacións interiores destaca a estrada comarcal C-550 (Tui-A Guarda-Oia-Baiona), así como as distintas estradas que comunican a comarca con outros territorios veciños (O Val Miñor) e as que enlazan os distintos concellos e parroquias.
Historia
No Baixo Miño existen testemuños de presenza humana dende o Plistoceno medio, hai 200.000 anos, nas Gándaras de Budiño, xacemento coñecido dende a década dos sesenta e escavado sistematicamente en diversas ocasións por Aguirre, Vidal Encinas e Cerqueiro e López Felpeto. A recuperación de numerosas industrias líticas nos socalcos do Miño confirman esta presencia. De tempos pospaleolíticos é o Camposanquense, definitivamente asignado a diferentes momentos da prehistoria recente, como se demostrou a partir do estudo completo de este tecnocomplexo e da escavación do xacemento de Portocelo. Así mesmo, son numerosos os poboados castrexos espallados pola comarca, dos que sobresae o do monte Santa Tegra, no que se poden observar grandes grupos de vivendas de planta circular, algunha delas con gravados rupestres. Semella que a sociedade castrexa do Baixo Miño se atopaba, no momento da romanización, nun proceso que puido ter rematado coa configuración dun protoestado. A integración da comarca na área de influencia romana foi significativa, como así o evidencian os restos da vila romana de Viladesuso ou as sepulturas da necrópole de Currás. Nos inicios da era cristiá unha importante porcentaxe da poboación indíxena estaba moi romanizada. Os suevos estableceron na cidade de Tui a sé episcopal e Witiza instaurou a corte en Monterreal (697). A situación estratéxica con respecto ás vías marítimas e fluviais converteuna en obxecto de atracción para numerosos pobos; foi saqueada durante os ss IX, X e XI en numerosas ocasións por árabes (destruíron a cidade de Tui no 721) e normandos. Engádese ademais á súa situación fronteiriza, inmersa ao longo da Idade Media nas loitas entre casteláns e portugueses, a historia da comarca que estivo vencellada á do señorío episcopal de Tui e a de mosteiros como o de Santa María a Real de Oia (fundado por Afonso VII no 1132), en principio pertenceu á orde de san Bieito, e posteriormente, en 1185, á orde do Císter. O período de prosperidade dos ss XI-XIII permitiu un florecemento cultural e artístico expresado na construción de igrexas, das que destaca a catedral, que non se entendería sen un florecemento económico. A situación fronteiriza de todo o Baixo Miño adquiriu unha especial importancia a partir do primeiro cuarto do s XII debido ao nacemento de Portugal como Reino independente. O Baixo Miño foi tamén terra de fortalezas por esta mesma razón: Goián, Amorín, Estás, etc. O desenvolvemento económico vivido pola vila de Tui levouna a ostentar a capitalidade dunha das sete provincias históricas nas que Galicia se dividía antes da partición do ano 1833. O patrimonio cultural está representado tanto polos numerosos restos arqueolóxicos como por un importante patrimonio arquitectónico construído. Dos elementos arquitectónicos eclesiásticos destaca a Catedral-fortaleza de Tui, construída nos ss XII e XIII (1120-1232), de estilo gótico pero con pervivencias románicas: a porta lateral do muro norte é románica, mentres que a fachada principal é de estilo oxival galego propio do s XIII. Destaca nela a fachada e, entre o mobiliario, os órganos do s XVII, o claustro e a colección do Museo Catedralicio. No núcleo histórico de Tui, declarado Conxunto Histórico Artístico no 1967, atopase unha importante variedade tipolóxica de arquitectura eclesiástica, entre as que destacan as igrexas de San Bertomeu (s XI) e San Francisco (s XVII), as capelas de San Telmo, de estilo barroco portugués (s XVIII), e a da Misericordia (s XVI), así como os conventos das Encerradas (s XVI) e San Domingos (s XIV). Entre as igrexas parroquiais con restos románicos máis interesantes da comarca están a de Rebordáns, San Miguel de Pexegueiro, San Vicente de Barrantes, Santa María de Tebra e Santa María de Tomiño. No mosteiro cisterciense de Oia, construído no s XII, a igrexa é dun Románico de transición ao Gótico, á que lle foi engadida unha fachada barroca no s XVIII. O coro é do s XVI. As construcións militares medievais están relacionadas cos conflitos militares da época, situándose en lugares altos do val, como acontece coas fortificacións de Torroña (Oia) e Tebra (Tomiño). As fortificacións modernas (s XVIII) vencéllanse directamente coas guerras con Portugal: Goián, Amorín, etc. A ponte internacional que une Tui con Valença do Minho é un claro expoñente da enxeñería civil do ferro e aceiro do s XIX. O conxunto de muíños de auga do río Folón (O Rosal) constitúen un exemplo único na comarca. O curro e rapa das bestas celebrado na ladeira occidental da serra da Groba, na parroquia de Mougás (Oia), é unha das celebracións de tradición popular de maior raizame do Baixo Miño.
Configuración comarcal
O actual espazo comarcal está formado por catro grandes xurisdicións: Oia, A Guarda, Tomiño e Tui, á parte doutras de menor entidade territorial e xurídica. Estas foron a base para a constitución dos concellos e do primeiro partido xudicial de Tui, que incluía os termos do Porriño e de Salceda de Caselas, posteriormente desagregados. Tui e A Guarda son os centros poboacionais máis importantes desta comarca, tendo un perfil socioeconómico oposto polo que se complementan mutuamente. Toda a comarca vincúlase fortemente á comarca metropolitana de Vigo.