Baixo Ulla, Área Natural do

Baixo Ulla, Área Natural do

Espacio natural localizado no curso baixo do río Ulla, dende a súa desembocadura ata a confluencia co río Sar. Situado entre os termos municipais de Valga, Catoira, Dodro e Rianxo, abrangue unha extensión de 1.108 ha. Dende 1991 ten a cualificación de espazo natural en réxime de protección xeral. Na súa desembocadura o Ulla orixina unha ampla chaira aluvial, composta por sedimentos cuaternarios e colonizada por vexetación marismeña que se estende cara ao N seguindo o curso do Sar. Actualmente no leito do río deposítanse sedimentos areosos que ao crecer chegan a constituír illas permanentes, que dividen a canle principal do río en canles secundarias. Os bancos de area que se forman están en continua evolución, e a mobilización dos sedimentos vai modificando lentamente o aspecto das canles. Nalgúns puntos do curso baixo do río, influenciados polas mareas, desenvólvense pequenas áreas marismeñas de substratos areoso-limosos, ocupados por vexetación típica das marismas.
Flora e fauna
No esteiro ten lugar a mestura de augas doces e salgadas, orixinándose un gradente de salinidade que condiciona a distribución da vexetación. Así, nas zonas máis influenciadas polo mar aparecen as comunidades halófilas mentres que río arriba, onde domina a auga doce, xorden enormes extensións de carrizais. Á beira do río atópase unha vexetación de bosque de ribeira desenvolta, e nos abondosos regatos e charcas que atravesan a chaira aluvial crece unha variada vexetación palustre. Mantén o Ulla unha notable poboación de lampreas e angulas, e nas zonas areosas do esteiro abundan os berberechos e as ameixas. As extensas masas de carrizais acubillan unha variada avifauna lacustre entre as que destaca a folosa grande e a folosa xunqueira.

Palabras veciñas

baixo latín | Baixo Miño, O | Baixo Rin | Baixo Ulla, Área Natural do | Baixo Zaire | baixo- | baixoalemán -na