Bakú
Capital da República de Acerbaixán, xunto ao mar Caspio, nos contrafortes orientais do Cáucaso (1.713.300 h [estim 1991]). Situada na entrada dunha profunda baía da Península de Apšeron, o núcleo primitivo está formado por unha antiga fortaleza amurallada, que contén numerosos vestixios das épocas turca e persa. Bakú é un gran centro da industria petroleira, a máis importante dunha serie de cidades da península de Apšeron, todas elas dedicadas á extracción de petróleo. Ten grandes refinerías, industria petroquímica e equipamentos destinados á extracción de hidrocarburos. Xurdida probablemente no s VI ou VII, foi conquistada polos árabes (s VIII) e polos turcos (s XI). Bakú foi a residencia dos Khans de Širvan durante séculos, chegou a ser vasala de Persia entre 1509 e 1723, data na que pasou a ser rusa. Foi dominada de novo por Persia (1735), sendo ocupada definitivamente polos rusos no ano 1806. Durante a guerra civil rusa (1918-1920) foi a capital dun réxime antibolxevique. No 1920 converteuse na capital da República Socialista Soviética de Acerbaixán, independente dende o 30 de agosto de 1991.