Bakunin, Mikhail Aleksandrovič
Dirixente e pensador revolucionario anarquista. Fillo dunha familia de terratenentes de ideas liberais, abandonou o exército para estudar en Moscova (1835) a filosofía de Fische e Hegel. En Berlín (1840), ao entrar en contacto coa esquerda hegeliana e especialmente influído por Feuerbach, asentou as bases do seu pensamento revolucionario. Entre 1842 e 1849 viaxou por Suíza, Bélxica e Alemaña e participou na revolución europea de 1848 en París, Praga e Dresden, onde foi prendido (1849) e condenado a morte. Entregado ás autoridades rusas, foi deportado a Siberia (1857), de onde fuxiu en 1861. Reside en Londres entre 1861-1864. Tralo fracaso da insurrección de Polonia trasladouse a Italia (1864); a partir dese momento comezou a considerar os obreiros, e non as minorías nacionais oprimidas, a principal arma para a revolución. En 1868 creou a Alianza da Democracia Socialista, que declarou a súa adhesión á Primeira Internacional, na que Bakunin ingresara persoalmente en 1867 e na que polarizou a súa oposición a Marx no referente á creación dun partido obreiro e ao papel revolucionario do proletariado industrial. En 1870 fundou o Comité para a salvación de Francia, que dirixiu a insurrección da comuna de Lyon (28 de setembro). No quinto congreso da Internacional na Haia (1872), os bakuninistas foron expulsados da organización e comezaron a realizar os seus propios congresos. Da súa ideoloxía arrinca en gran parte o movemento anarquista. Bakunin considera a sociedade como un feito espontáneo, mentres que o estado é para el artificial e opresivo. Co obxectivo de preservar a liberdade dos individuos, programou a organización social como a colaboración espontánea dos pequenos grupos naturais de estrutura colectivizada unidos por unha libre federación. Entre as súas obras destacan Anruf an die Slaven von einem russischen Patrioten (Chamamento dun patriota ruso aos eslavos, 1848), Fédéralisme, Socialisme, Antithéologisme (Federalismo, Socialismo, Antiteoloxismo, 1868) e Gosudarstvennost’ ararkhija (O estado e a anarquía, 1873).
Cronoloxía
-
Deceso
Lugar : Kalinin -
Deceso
-
Deceso
Lugar : Berna, Suíza