Bal y Gay, Xesús
Musicólogo, folclorista e compositor da xeración do 22. Estudiou piano no conservatorio de Madrid. Participou na fundación da revista Ronsel (1924), xunto con Evaristo Correa Calderón, Álvaro Gil e Luís Pimentel. Ingresou no ano 1927 no Seminario de Estudios Galegos. En l928 comezou a súa investigación da música tradicional galega, en colaboración con Eduardo Martínez Torner, co fin de elaborar un Cancioneiro Galego. Relacionouse con personalidades da cultura galega como Carlos Maside, Bouza Brey, García-Sabell, Rafael Dieste, Luís Seoane, Torrente Ballester ou Filgueira Valverde. En 1938 exiliouse en México, onde colaborou na fundación da Casa de España (máis tarde Colegio de México), institución na que desenvolveu a súa actividade profesional ata 1965, ano no que regresou a España. Durante a súa estancia en México pertenceu ao grupo Nuestra Música e Ediciones Mexicanas de Música, con Rodolfo Halffter e Adolfo Salazar. Foi xefe da sección de investigacións musicais do Instituto Nacional de Bellas Artes e dirixiu a programación musical de Radio Universidad. Integrouse plenamente na vida cultural mexicana, e trabou amizade con Carlos Chávez, Arturo Souto, Henryk Szering e Igor Stravinsky. Publicou Hacia el ballet gallego (1924), Chopin (1959), Tientos (1960) e Debussy (1962). Preparou transcricións de música antiga, Treinta canciones de Lope de Vega (1935), Romances y villancicos españoles del siglo XVI (1939), El cancionero de Upsala (1944), Tesoro de la música polifónica en México (1952) e Cancionero gallego (1973). Entre a súa produción musical cómpre salientar Serenata para orquesta de cuerda (1942), Sonata para clarinete y piano (1947) e Concerto Grosso(1951). A vixencia do legado de Bal y Gay, destacado musicólogo europeo, como folclorista materializouse no repertorio de grupos de música folk como Milladoiro.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Lugo -
Deceso
Lugar : Madrid