Balaídos, Estadio Municipal de
Estadio deportivo vigués inaugurado o 30 de decembro de 1928. Construído pola Sociedade Anónima Stadium de Balaídos, é o escenario dos partidos que o Real Club Celta de Vigo disputa como local dende esa data. En 1945 o R. C. Celta adquiriuno por 950.000 pesetas. En 1946 cedeullo ao concello de Vigo. O estadio de Balaídos foi sede do Campionato do Mundo de fútbol de 1982; por isto, realizáronse obras de remodelación que permitiron a creación, baixo unha das bancadas (Río), de dúas pistas polideportivas e outras instalacións (canchas de squash, ximnasio, vestiarios, parque de bombeiros, etc). Nas proximidades do estadio construíronse pistas de atletismo en substitución das eliminadas no interior do recinto. Ademais, Balaídos ten sido escenario de varios encontros internacionais da selección española contra Portugal, Suecia, Brasil, etc. Nas súas instalacións acolle tamén os museos do Real Club Celta de Vigo.