Balboa Rodríguez, Manuel
Compositor e crítico musical. Como crítico, centrou a súa investigación no teatro musical de Occidente e na historia da música española e galega, tema sobre o que publicou a obra 150 anos de música galega (1979), en colaboración con X. M. Carreira. Como compositor, desenvolveu a súa actividade tanto na música de concerto como na escénica e cinematográfica. A súa obra instrumental foi dirixida por mestres de sona internacional, como Helmut Rilling, José Luis Temes ou Maximino Zumalave. Recibiu o Premio Fundación Guerrero pola ópera de cámara Romeo o la memoria del viento (1988), baseada en textos propios e de Álvaro Cunqueiro.
Da súa produción cómpre sinalar: Invención del día (1990), para piano e orquestra de corda; Dous poemas dramáticos (1992), para soprano e piano, con textos de Álvaro Cunqueiro; El secreto enamorado (1993), ópera con texto de Ana Rossetti; Saturnal (1996), Cuando llegue la noche (1996) e Buserán, para orquestra (1996), e Los ojos verdes, para violoncelo e orquestra (1999). Escribiu a partitura musical de múltiples espectáculos, como, por exemplo, Don Álvaro (Compañía del Teatro Español, 1983), La enamorada del rey (Compañía del Teatro Nacional María Guerrero, 1988), Pelo de tormenta (Centro Dramático Nacional, Premio Daniel Montorio, 1997), Fausto (Compañía Luís Seoane, 1984) e Caderno de Bitácora (1985), A noite vai coma un río (1986), Yerma (1990), A casa dos afogados (1991), Hostia (1996) e Valle-Inclán 98 (1998) para o Centro Dramático Galego. Tamén compuxo bandas sonoras para o cine, entre elas para Martes de Carnaval (1991), Canción de cuna (1994) e El abuelo (1998).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Falecemento
Lugar : Madrid