Washington

Washington

Capital federal de EE UU no distrito de Columbia (572.059 h [2000] e 7.608.070 h [2000] a aglomeración urbana). Está situada na beira esquerda do Potomac. A configuración está centrada en dous puntos, a Casa Branca e o Capitolio, desde onde parten radialmente as grandes avenidas diagonais. A expansión da administración federal transformouna nunha metrópole que se estende polos dous estados veciños, ata o punto de que algúns servizos administrativos foron instalados en Maryland ou Virginia. Ao crearse EE UU como federación de estados, decidiuse constituír un territorio independente de calquera dos estados para establecer nel a capital federal. Como resultado do acordo entre o Norte e o Sur escolleuse a localización da cidade de Washington (1790). Foi inaugurada por Thomas Jefferson e o goberno instalouse alí en 1800.