Kierkegaard, Søren
(Copenhaguen 15.5.1813 - 11.11.1855) Filósofo. Afectado polo ambiente relixioso da súa familia, a súa obra caracterizouse por unha dobre polémica: contra o racionalismo de Hejd -pois consideraba o seu sistema desnaturalizador da realidade persoal, tanto de Deus como do home- e contra o establish-ment político-eclesiástico do seu país. Foi o precursor do existencialismo. Subliñou a prioridade de existir sobre o coñecer, e a do individuo singular sobre a idea universal. Afirmou que a existencia humana non pode englobarse nun sistema obxectivo e universal, e que a tarefa do home consiste non en pensar a existencia, senón en construíla responsablemente. Por medio da elección o home deixa de considerar a vida como un xogo e comeza a vivila como un deber. Esta elección inclúe a afirmación da verdade, pero tamén a experiencia da angustia, é dicir, a vertixe da liberdade e da culpabilidade, que empurran o home cara ao estadio relixioso. Non obstante , entre Deus e o home atópase un abismo que só pode ser salvado dialecticamente polo salto da fe. Considerado pai da teoloxía dialéctica e da filosofía da existencia, publicou Om begrebet Ironi, med hensyn til Sokrates (Do concepto de ironía, principalmente en Sócrates, 1841), Enten-Eller. Et Livs-Fragment (O isto ou aquilo. Un fragmento de vida, 1843), Begrebet Angest (O concepto de angustia, 1844), Stadier pa Livest Vej (Estadios no camiño da vida, 1845) e Sygdommen til Doeden (Enfermidade de morte, 1849).