Kiev

Kiev
Nome científico: [ucraíno: Kyjiv]

Capital de Ucraína e da oblast’ homónima (2.589.541 h [1999]). É un núcleo industrial moi activo, un centro de transportes e comunicacións, e un importante centro cultural. Foi o centro do principado homónimo e o berce da cultura rusa. A finais do s IX, a cidade foi conquistada polo nórdico Rurik, xefe dos ruotsi, que se fusionaron cos eslavos polianos da rexión. Co bautizo de Vladimiro I (988), o cristianismo converteuse en relixión oficial e iniciouse a fase que levou o principado ao seu apoxeo, baixo Iaroslav I (1017-1054). A fragmentación subseguinte do territorio e as invasións mongolas impuxeron unha decadencia rápida, desde o segundo terzo do s XII. No s XIV integrouse en Polonia ata 1686, cando foi anexionado oficialmente ao Reino de Moscova. Durante a Guerra Civil (1917-1920) foi escenario das loitas entre nacionalistas ucraínos e bolxeviques. En 1934 converteuse en capital da República Socialista Soviética de Ucraína e en 1991 en capital do novo estado independente de Ucraína. Do seu patrimonio cultural destacan a catedral de Santa Sofía (s XI) e o conxunto monástico de Kiev-Pechersk Lavra, declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1990.