kindergarten*
Centro creado por F. Fröbel para a educación da infancia. A partir de 1840, ano en que se fundou a sociedade Allgemeiner Deutscher Kindergarten coa finalidade de poñer en marcha establecementos modelo para a educación dos máis pequenos, foi xeneralizándose polo territorio alemán o nome de kindergarten (xardíns de infancia), centros nos que se pretendía tamén educar as mulleres por medio da observación do coidado dos nenos. Cun fondo filosóficonaturalista, a concepción do termo ten un sentido rousseauniano respecto ao labor do educador, ademais da referencia ao espazo físico, onde o neno, mediante o xogo, leva a cabo o proceso socializador e de desenvolvemento das súas facultades de forma integral e harmónica. A súa difusión internacional produciuse a partir do Congreso Internacional de Beneficiencia (Frankfurt, 1857). Tamén as mulleres, a través do movemento feminista, tiveron un papel fundamental como receptoras, fundadoras e propagadoras destes centros. Pero os que mellor conectaron coa filosofía de Fröbel foron os krausistas: Krause impulsou a Fröbel cara á idea dos kindergarten como lugar de primeira educación. En España foron os institucionistas, rexeneracionistas e liberais os que apoiaron a súa introdución. En 1877 inauguráronse en Madrid as obras da primeira Escola Modelo de Párvulos, segundo o sistema Fröbel, coas que se introduciron verdadeiramente os xardíns de infancia en España. A partir de mediados do s XX foron realizándose algunhas experiencias prácticas en Bilbao na escola de Virio, na escola do Hospicio de Madrid e na escola modelo de Barcelona.