Kirguizistán
Estado de Asia central que limita ao N con Kazakhstán, con China ao SL, con Taxikistán ao O, e ao S e ao O con Uzbekistán (199.900 km2; 4.968.000 h [estim 2001]). A súa capital é Biškek.
Xeografía física
País montañoso, máis da metade do territorio encóntrase entre os 1.000 e os 3.000 m de altitude e aproximadamente un tercio a altitudes comprendidas entre os 3.000 e os 4.000 m. No extremo L, na fronteira con China, o pico Pobedy é a máxima altitude do país (7.439 m). Esta rexión atópase no corazón da cordilleira do Tian Shan, de onde, desde China, xorden diversas aliñacións que en dirección O penetran en gran parte do territorio do Kirguizistán. Na fronteira S encóntranse as cordilleiras de Kokšaalatau, Alay e Zaaljek, esta última pertencente a Pamir. A área de neves perpetuas supera os 6.000 km2 e inclúe parte do glaciar de Inchylek. As terras baixas, de grande importancia económica, localízanse no val de Fergana, ao SL, e nos vales de Ču e Talas, ao N. Hai numerosos ríos, non moi longos, con rápidos e unha importante actividade erosiva. O Naryn, que atravesa o val de Fergana, e o Ču son os máis importantes. Pola situación xeográfica, que ao afastamento do mar engade a altitude e as chairas desérticas circundantes, o clima é continental. Hai, xa que logo, contrastes climáticos e de vexetación importantes entre a periferia e o interior, con importantes oscilacións térmicas diarias. As precipitacións son moderadas e hai pouca nubosidade. Agás nos cumios, a vexetación está constituída predominantemente por prados alpinos e subalpinos. Os bosques concéntranse nos vales e nas vertentes setentrionais dalgunhas cordilleiras. Os desertos e semidesertos ocupan unha superficie reducida, mentres que abundan as estepas e as praderías adaptadas á agricultura de regadío.
Xeografía económica e humana
O réxime soviético transformou totalmente a estrutura económica tradicional de Kirguizistán, baseada na gandería, malia que este sector aínda está moi desenvolvido (armentío ovino e, nas áreas de montaña, equino). Polo que respecta á agricultura, destaca o cultivo de plantas industriais (algodón, remolacha azucreira, tabaco, opio, etc), froiteiras, viña e hortalizas. O réxime socialista introduciu o cultivo de cereais, aínda que só nas chairas e de xeito relativamente marxinal. Foi moi importante nas últimas décadas a ampliación dos regadíos. Practícanse tamén a sericultura e a apicultura. A industrialización favoreceu a mecanización na agricultura, e moita da maquinaria especial para traballar o difícil terreo manufactúrase na mesma república. A poboación dos vales ten na caza e na pesca un importante recurso económico. A finais da década de 1980 a metade do PNB correspondíalles ás industrias extractivas e as manufacturas. A existencia de minerais -como o antimonio, mercurio, chumbo e cinc, petróleo, carbón e gas natural- favoreceu o desenvolvemento da minería e as actividades derivadas. As industrias conserveiras e lixeiras desenvolvéronse mediante o emprego de materias primas da mesma agricultura. O traballo do algodón e da pel tamén son sectores importantes. O comercio de todos estes produtos lévase a cabo cos países da antiga URSS, dos que Kirguizistán importa produtos da industria lixeira, maquinaria pesada e produtos químicos. A dureza do inverno fai que moitas áreas permanezan illadas.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
A composición étnica de Kirguizistán distribúese nun 64,9% de kirguizos, un 13,8% de uzbekos, 12,5% de rusos, 1,1% de dungans, 1% de ucraínos, 1% de poboación uigur, 0,9% de karachais, un 0,9% de tátaros e 0,3% de outras. O conxunto das restantes etnias agrúpanse no 3% restante. Segundo a filiación relixiosa, a poboación dívidese entre musulmáns sunnitas (70%), ortodoxos (5,5%) e non relixiosos (24,5%). A lingua oficial é o kirguizo, aínda que tamén está moi estendido o ruso.
Desenvolvemento humano
O Índice de Desenvolvemento Humano de 1999 situaba a Kirguizistán entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupaba un 92º posto, cun índice de 0,707). Este indicador desagredado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer era de 64 anos para os homes e 72 anos para as mulleres. O índice de alfabetización de adultos en 2000 era do 97%, mentres que o índice bruto de escolaridade para o mesmo ano foi do 68%. O PNB por persoa en1999 era de 300 $ EE UU.
Goberno e política
A República de Kirguizistán declarouse independente o 31 de agosto de 1991. A Constitución, aprobada o 5 de maio de 1993, establece que a forma de goberno é a república multipartidista. O presidente da república, elixido mediante sufraxio universal directo para un período de cinco anos, é xefe do estado e comandante en xefe das Forzas Armadas. O primeiro ministro é nomeado polo presidente, pero depende da aprobación do Joghorku Keneš, consello supremo bicameral no que reside o poder lexislativo, elixido por sufraxio universal para un período de cinco anos. Despois dun referendo para a reforma da constitución, celebrado o 17 de outubro de 1998, acordouse que a Myizam Chygaruu Jyiyny (Cámara Baixa) incrementase o número de escanos ata 60, mentres a El Okuldor Jyiyny (Cámara Alta), que se reúne dúas veces ao ano para debater temas rexionais, reduciu a 45 os seus membros. Estes cambios entraron en vigor a finais de 1999. En xaneiro de 1998 promulgouse un novo código penal no que se abolía a pena de morte. O poder xudicial está presidido pola Corte Suprema, formada por xuíces designados para un período de 10 anos polo Zhogorku Keneš, seguindo as recomendacións do presidente. Existe tamén un Tribunal Constitucional e un Alto Tribunal de Arbitraxe. As principais formacións políticas son: Partija Kommunistov Kyrgyzstana (Partido Comunista de Kirguizistán, PKK), comunistas; Sojuz Demokratičeskikh Sil (Unión de Forzas Democráticas, SDS), presidencialista; Demokratičeskeskaya Partiya Ženščin Kyrgyzstana (Partido Democrático das Mulleres de Kirguizistán, DPZK); Socialističeskaya Partiya Ata Meken (Partido Socialista Ata Meken, AM); Političeskaya Partiya Moya Strana (Meu Pai, MS), presidencialista. Forma parte da CEI e dos seguintes organismos internacionais: Comunidade de Estados Independentes, ERBD, OSCE e Organización da Conferencia Islámica.
Historia
Entre os ss IX e X os kirguizos ocuparon Mongolia. Posteriormente foron dominados por Xenguis Khan (s XIII) e polos uzbekos de Kokand (s XV). Incorporados ao Imperio Ruso (1876), trala súa rebelión en 1916 sufriron unha dura represión.
O dominio soviético
Despois da Revolución Rusa (1917) iniciouse un período de guerra civil entre as forzas antibolxeviques, integradas polo Exército Branco e os grupos armados locais contra o Exército Vermello. Os soviéticos impuxéronse na rexión en1919 e organizárona como territorio autónomo en 1924. República federada da URSS desde 1936, o réxime soviético propiciou o desenvolvemento económico como resultado das reformas territoriais realizadas e do asentamento de numerosos nómades. A chegada ao poder de Stalin marcou o comezo dun proceso de rusificación ao tempo que se esmagaron as tendencias ao nacionalismo do Partido Comunista local, con expulsións ou desterros. As tensións coas autoridades da URSS continuaron trala morte de Stalin (1953). A perestrojka, impulsada por M. Gorbačov durante a década de 1980, permitiu a aparición de grupos opositores. Durante 1990 producíronse enfrontamentos internos entre uzbekos e kirguizos na rexión de Oš, con motivo de disputas por dereitos sobre as terras e o aloxamento.
A democratización: os gobernos de Askar Akayev
Askar Akayev, político desvinculado do réxime soviético, foi elixido presidente en outubro de 1990 e introduciu as primeiras medidas privatizadoras. O intento de golpe de estado involucionista de agosto de 1991 precipitou a declaración de independencia. En 1993 Kirguizistán adoptou a súa propia moeda, o som, feito que provocou un peche temporal das fronteiras ao comercio con Uzbekistán e Kazakhstán. Nese mesmo ano un escándalo de presunta corrupción entre os membros do goberno provocou que o presidente destituíse o gabinete en decembro de 1993. A obstrución dos antigos comunistas ao proceso de reforma económica, levou a unha nova crise parlamentaria en setembro de 1994 coa dimisión do goberno ao completo. Nas eleccións ao Joghorku Keneš de febreiro de 1995, os candidatos progobernamentais acadaron a maioría. En novembro dese ano Kirguizistán sumouse á unión aduaneira integrada por Rusia, Bielorrusia e Kazakhstán. Nas presidenciais de decembro de 1995, consideradas polos observadores internacionais democráticas a pesar das infraccións, o presidente Akayev resultou reelixido. A súa política económica, de caracter liberal, foi acompañada dun programa de reformas por etapas, privatizacións, desaparición dos subsidios á agricultura, aprobadas nos referendos de xaneiro de 1994 e outubro de 1998. A finais da década de 1990 fixéronse frecuentes os enfrontamentos con rebeldes islámicos nas fronteiras con Uzbekistán e Taxikistán. Nas eleccións ao Joghorku Keneš de febreiro e marzo de 2000, os candidatos afíns a Akayev repartíronse nas listas de distintos partidos, especialmente na Sojuz Demokratičeskikh Sil (SDS), mentres as organizacións non gobernamentais censuraron os comicios pola intimidación dos candidatos da oposición. A concesión do estatus de oficialidade para o ruso en Kirguizistán, en maio de 2000, achegou as posicións con Rusia e tentou deter a emigración dos rusos que permanecían en Kirguizistán.