Kiribati

Kiribati
Nome científico: [nome oficial ingl: Republic of Kiribati]

Estado insular de Oceanía, no corazón do Océano Pacífico, que se estende por unha área duns 3.870 km de L a O, e duns 2.050 km de N a S. Limita con Nauru ao O e Tuvalu e Tokelau ao S (811 km2; 84.000 h [estim 2001]). A capital é Bairiki (2.226 h [1990]).
Xeografía
O territorio de Kiribati está formado por 34 illas e illotes agrupados en diversos arquipélagos: illas Gilbert, Line, Phoenix e Banaba. O clima de Kiribati é ecuatorial e tropical. A maior parte das illas están cubertas por palmeiras cocoteiras que producen o único produto agrícola exportable, a copra. O resto da agricultura é de subsistencia, mentres que a pesca ten unha certa importancia. Os fosfatos de Banaba foron o principal recurso económico das illas (80% das exportacións), pero en 1979 cesou a súa produción. A unidade monetaria é o dólar australiano. A poboación concéntrase en Banaba e nas illas Gilbert.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A composición étnica de Kiribati está maioritariamente representada polos kiribatis (97,7%), fronte ao 0,3% de tuvaleses e o 0,2% de europeos; os restantes grupos étnicos representan un 1,8%. A lingua oficial é o inglés, pero tamén se fala o kiribati. Segundo a filiación relixiosa, a poboación divídese entre o 54,4% de católicos e o 38% de protestantes; as demais agrúpanse no 7,6% restante.
Desenvolvemento humano
A esperanza de vida ao nacer en 1997 en Kiribati era de 62 anos para os homes e 67 anos para as mulleres. O PNB por persoa en 1999 era de 910 $ EE UU.
Goberno e política
Despois da súa independencia, en xullo de 1979, a constitución definiuna como república democrática e soberana. O poder executivo reside no presidente,   que é elixido por sufraxio popular e reúne os cargos de xefe do estado e do goberno. O poder lexislativo reside nunha única cámara, a Maneaba ni Maungatabu (Cámara de Representantes), composta por 42 membros, 40 elixidos por sufraxio universal para un período de catro anos, e dous designados. A súa estrutura xudicial está formada polo Tribunal de Apelacións, o Alto Tribunal; os xuíces de todos os niveis son designados polo presidente. As principais organizacions políticas son: Maneaban Te Mauri (Protexer Maneaba) e Boutokan Te Koaua (Pilares da Verdade). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Commonwealth, Comunidade do Pacífico, ONU e é membro asociado da UE.
Historia
Descubertas por navegantes españois no s XVI, foron exploradas polos ingleses entre mediados do s XVIII e mediados do s XIX. En 1892 o Reino Unido declarou o seu protectorado sobre os 16 atois que formaban as illas Gilbert e sobre as 9 illas Ellis, actual Tuvalu. Desde xaneiro de 1916 o protectorado converteuse na colonia das illas Gilbert e Ellis, que se incrementaron coas Line Islands (1919) e as illas Phoenix (1937). Durante a Segunda Guerra Mundial o arquipélago foi invadido polo exército xaponés (1942-1943). As illas Gilbert e Ellis separáronse en 1975, e o 1 de xaneiro de 1977 as illas Gilbert acadaron o autogoberno. Constituíronse como república independente dentro da Commonwealth en xullo de 1979 co nome de Kiribati. Ierema T. Tabai foi elixido presidente, e confirmado no cargo en 1982 e 1987, ata que se retirou. Os problemas provocados polo elevado crecemento demográfico obrigaron, a partir de 1988, a recolocar as diversas comunidades en atois baleiros. En 1991 foi elixido presidente Teatao Teannaki. Nas eleccións presidenciais, celebradas en setembro de 1994, resultou elixido Teburoro Tito, do Maneaban Te Mauri. Entre os obxectivos do novo goberno destacaron a redución da dependencia de Kiribati da axuda estranxeira e a modificación da Constitución para igualar os dereitos entre home e muller. O presidente Teburoro Tito foi reelixido nas eleccións de novembro de 1998. Foi membro da ONU desde 1999. Despois das eleccións de febreiro de 2003 o presidente electo Teburoro Tito foi derribado por unha moción de censura, disolveuse o Maneaba ni Maungatabu e o portavoz parlamentario Taomati Iuta encabezou un goberno transitorio.