Knossos
Antiga cidade de Creta, preto da actual Candia (ou Hēráklion). Habitada desde a época neolítica (VI-V milenio a C), destaca polos palacios construídos durante a época minoica. Arthur Evans dirixiu as primeiras escavacións, a restauración da cidade e estableceu a súa cronoloxía. Os restos do primeiro palacio, construído cara ao ano 2000 a C, mostran influencias de Exipto e do Oriente. Ao redor dun patio rectangular situáronse unha serie de construcións illadas. Cara a 1700 a C un terremoto arruinou o palacio. A reconstrución mantivo como eixe central o patio ao que se abriron as distintas dependencias, unidas mediante columnas e escaleiras. As columnas eran de madeira pero tiñan base de pedra, o fuste era liso, de cor vermella, e a medida que se achegaba ao capitel facíase máis ancho. O capitel formábano unha moldura convexa e un bloque prismático. A cuberta dos edificios tiña forma de terraza. No lado O do patio situouse a zona administrativa e cortesá, na que destaca o salón do trono, onde se conserva o trono real de xeso. Os sotos do palacio utilizáronse como almacén e no NL do patio situáronse os distintos obradoiros artesáns. A residencia real ocupou a parte SL. Desta época consérvanse restos de pintura mural, realizada nun estilo naturalista, que representaban escenas de danza e tauromaquia, animais mariños e procesións. Unha rede de sumidoiros e canos permitía o saneamento da cidade e do palacio. Este palacio, do mesmo xeito que boa parte da illa, destruíuse outra vez cara a 1450 a C, a causa da grande explosión do volcán da illa de Santorini. Unha dinastía micénica instalada en Knossos ocupou o palacio, que foi definitivamente destruído por un incendio en 1380 a C. Perdurou como cidade ata finais da época bizantina, pero sen o esplendor que tivera na súa primeira época.