Kopernik, Mikolaj

Kopernik, Mikolaj

(Toruń 1473 - Frauenburg 1543) Astrónomo polaco. Coñecido como Nicolao Copérnico, estudiou na Universidade de Cracovia (1491-1494) onde foi discípulo do matemático Wojciech Brudzewski. Viaxou por Italia e inscribiuse na Universidade de Boloña (1496-1499), onde estudiou dereito, medicina, grego e filosofía, e traballou como asistente do astrónomo Domenico da Novara. En 1500 foi a Roma, onde impartiu un curso de matemáticas e de astronomía, e en 1501 volveu á súa patria e tomou posesión dunha coenxía da catedral de Frauenburg, cargo obtido grazas á axuda do seu tío Lucas Watzelrode. A pesar do seu cargo, volveu a Italia, esta vez a Padua (1501-1506), para estudar dereito e medicina; pero fixo unha breve estadía en Ferrara (1503), onde obtivo o grao de doutor en dereito canónico. Reinstalado definitivamente no seu país (1512), atendeu a administración da diocese de Ermland, exerceu a medicina, ocupou certos cargos administrativos e levou a cabo o seu intenso traballo no campo da astronomía. Considerado o fundador da astronomía moderna, deu as bases que lle permitiron a Newton culminar a revolución astronómica, ao pasar dun universo xeocéntrico a un cosmos heliocéntrico, e dar a volta de forma irreversible á visión do cosmos. Escribiu a súa obra mestra, De Revolutionibus Orbium Coelestium, ao longo duns vinte e cinco anos de traballo (1507-1532). Estudiara os escritos dos filósofos gregos na busca de referencias ao problema do movemento terrestre, especialmente os pitagóricos e os de Aristarco de Samos, que estableceu por primeira vez a teoría heliostática. Cómpre centrar o valor real da súa obra no feito de reimpoñer teorías xa rexeitadas polo sentido común e de darlles unha estrutura coherente e científica. A ruptura básica que representaba para a ideoloxía relixiosa medieval fixo que dubidara en publicar a súa obra para evitar problemas coa Igrexa; por este motivo non apareceu a primeira edición de De Revolutionibus ata 1543, feita en Nuremberg baixo a supervisión do seu discípulo G. J. Rheticus.

Palabras veciñas

kopeck | Kopejsk | Koper | Kopernik, Mikolaj | Kopit, Arthur Lee | Koplik, manchas de | Köppen, Vladimir Peter