Kosovo

Kosovo

Rexión autónoma da república de Serbia e Montenegro (10.887 km2; 2.227.742 h [estim 2000]). A capital é Priština. Baixo o réxime socialista iniciouse un movemento autonomista respecto a Iugoslavia, que incluía entre as súas reivindicacións melloras sociais. En marzo e abril de 1981 producíronse manifestacións que o goberno reprimiu con dureza, pero os enfrontamentos violentos continuaron e incrementáronse os incidentes coa poboación de orixe serbia. En 1990 Serbia suprimiu a autonomía de Kosovo e Vojvodina e, trala formación da República Federal de Iugoslavia (1992), constituída polas repúblicas de Serbia e Montenegro, ocupou militarmente Kosovo. A pesar da represión do movemento político e cultural albanés, a resistencia nacionalista mantívose activa, liderada por Ibrahim Rugoba. Nas eleccións de maio de 1992 Rugoba venceu e autoproclamou a República Independente de Kosovo, pero integrada en Iugoslavia. Mentres, os kosovares crearon unha sociedade paralela, con institucións independentes do goberno serbio. A crecente discriminación e persecución dos albano-kosovares incrementou o descontento entre as forzas nacionalistas albanesas como o Ushtria Çlirimtare e Kosovës (UÇK, Exército de Liberación de Kosovo), que defenderon a ruptura con Iugoslavia e a unión con Albania. Os enfrontamentos con Serbia continuaron entre novembro de 1994 e xaneiro de 1995, e provocaron o éxodo de máis de 30.000 albaneses. No 1995 a UÇK iniciou os enfrontamentos armados contra as escuadras de policía e paramilitares. A comezos de 1998 o conflito étnico-relixioso entre os serbios e os albaneses musulmáns estoupou de novo e culminou coa ocupación de Kosovo polo exército serbio e por grupos paramilitares, que iniciaron unha limpeza étnica. Esta situación provocou un éxodo de musulmáns kosovares cara a Albania, Macedonia e Montenegro, ao tempo que se produciu a rebelión do UÇK, contra o dominio serbio. Os violentos ataques contra os albano-kosovares, provocaron un aumento da presión internacional e a OTAN desenvolveu unha ofensiva militar entre marzo e xuño de 1999 que expulsou o exército iugoslavo da rexión.