Kuriles, Illas
Kuriles, Illas
Arquipélago de Rusia, na oblast’ de Sakhalin, situado entre a illa de Hokkaidō, Xapón, e a península de Kamčatka (15.600 km2 e 1.200 km de lonxitude). Está formado por máis de trinta illas e illotes, de orixe volcánica. O relevo é montañoso, e a máxima altitude acádase no monte Alaid (2.339 m alt). Colonizadas polo rusos no s XVIII, Xapón anexionou o arquipélago entre 1855 e 1875 e permaneceu no seu poder ata a fin da Segunda Guerra Mundial. Pola Conferencia de Crimea (1945), as illas volveron á URSS pero Xapón reivindicou a posesión das catro illas meridionais. A comezos da década de 1990 Xapón incrementou a presión diplomática para recuperalas e desde 1992 prestoulle axuda económica ao goberno ruso para acadar a súa devolución.