Kuwait

Kuwait
Nome científico: [nome oficial: Estado de Kuwait; ár: Dawlat al-Kuwayt]

Estado de Asia, ao N da Península Arábiga, limita ao O e ao N con Iraq, ao L co Golfo Pérsico, e ao S con Arabia Saudí (17.818 km2; 2.023.000 h [estim 2001]). A capital é Al Kuwait.
Xeografía
Kuwait comprende unha rexión continental e oito pequenas illas. É un país chairo e desértico que forma parte da chaira litoral do extremo NO do Golfo Pérsico; a máxima altitude está no SO do país, onde se acadan os 300 m sobre o nivel do mar. Ten un clima desértico, con chuvias moi escasas. Non hai ríos nin vexetación. As actividades agrícolas son casi inexistentes a causa do solo deficiente e a escaseza de auga potable (só se obtén auga potable depurando a auga do mar). Os principais cultivos son os melóns, os tomates e os dátiles. A pesca, sobre todo de gambas, é un recurso moi importante, pero o principal recurso do país é o petróleo. Como consecuencia dos ingresos que proporciona a exportación de hidrocarburos, Kuwait dispón dun PNB por habitante dos máis altos do mundo, fai grandes investimentos en diversos sectores sociais, intervén no estranxeiro e axuda a outros países árabes. Ademais do petróleo, obtense gas natural, que satisfai boa parte do consumo enerxético kuwaití. O sector industrial está totalmente desenvolvido grazas aos investimentos realizados polo goberno. Destacan neste sector diversas refinerías de petróleo, a licuación de gas natural, a petroquímica, abonos, cemento, papeleira e de materiais de construción. Non conta con liñas férreas e o principal porto petrolífero é o de Mīnā’ al-A Palatino; ḥ madī. A unidade monetaria é o dinar kuwaití.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico é o dos kuwaitís, que representa un 41% da poboación. O 45% da poboación é musulmá sunnita, o 30,3% é musulmá xiíta, o 10,1% é musulmá doutro tipo e hai un 14,6% de poboación que practica outras relixións. A lingua oficial é o árabe. A educación é gratuíta e obrigatoria.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano situaba a Kuwait entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 43º posto cun índice do 0,818). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 74 anos para os homes e 80 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 82% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 59%; e o PNB por habitante é de 22110 $ EE UU.
Goberno e política
Antigo protectorado británico, independizouse o 19 de xuño de 1961. Segundo a Constitución do 11 de novembro de 1962, o seu sistema político caracterízase pola división do poder executivo entre a monarquía hereditaria e a asemblea lexislativa elixida democraticamente. Nominalmente Kuwait é unha monarquía constitucional, en que o poder executivo reside nas mans do emir, que é o xefe do estado, elixido alternativamente entre dúas ramas da familia al-Sabah. O emir exerce a autoridade a través do primeiro ministro, tradicionalmente o príncipe herdeiro, nomea o Consello de Ministros e fai aprobar a lexislación cando o considera necesario. Os principais cargos ministeriais do gabinete outórganse a outros membros importantes da familia real, mentres que os ministros de menor categoría proceden da Majlis al-Umma (Asemblea Nacional) en que reside o poder lexislativo. Está composta por 75 membros, 25 nomeados polo emir e 50 elixidos, por un período de catro anos. O dereito ao voto está reservado exclusivamente aos homes maiores de 21 anos de nacionalidade kuwaití, e malia a decisión do emir Jaber al-Sabah en maio de 1999 de modificalo e conceder o dereito ao voto ás mulleres, non foi ratificado pola Majlis al-Umma. O poder xudicial está presidido polo Alto Tribunal de Apelacións. O sistema legal baséase na lei islámica. Permanece en vigor a pena de morte e non acepta a xurisdición do Tribunal Internacional de Xustiza. Os partidos políticos convencionais están prohibidos, pero na Majlis al-Umma existen grupos ou faccións políticas: o Movemento Islámico Constitucional, a Alianza Nacional Islámica, o Forum Democrático de Kuwait, o grupo Salafeen e Grupo Nacional Democrático. Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Consello de Cooperación dos Estados Árabes do Golfo, Liga Árabe, ONU, OPEC e Organización da Conferencia Islámica (OCI).
Historia
A dominación islámica no territorio do actual Kuwait remóntase a 633. A orixe da cidade debeuse ao establecemento de diversas tribos nómades a finais do s XVII. Tributario do Imperio Otomano, o Emirato de Kuwait buscou o apoio de Reino Unido a finais do s XIX e asinou un tratado en 1899. Ao termo da Primeira Guerra Mundial, Kuwait liberouse da soberanía turca e foi recoñecido como emirato independente baixo o protectorado británico. A familia al-Sabah concedeulle os dereitos de prospección e explotación do petróleo á compañía British Petroleum e á estadounidense Gulf Oil (1934). Interrompidas durante a Segunda Guerra Mundial, retomáronse na década de 1950, cando se constatou o potencial petrolífero do país. A riqueza dos xacementos reavivou as reivindicacións de Iraq e Arabia Saudí sobre Kuwait, que o consideran parte do seu territorio histórico. En 1961 acadou a independencia efectiva, foi recoñecido polo conxunto de países árabes, incluído Iraq, e finalmente foi admitido na ONU (1963). O xeque Abdullah al-Salim al-Sabah, no poder desde 1950, morreu en 1965.
A independencia e o réxime autoritario
Sucedeuno o seu primo Sabah al-Sabah, que disolveu a Asemblea Nacional, suspendeu algúns artigos da Constitución (1976) e seguiu unha política autoritaria ata a súa morte en 1977. Sucedeuno o seu primo Ǧ abar al-Ahmad al-Sabah, que fora primeiro ministro desde 1966, o que provocou tensións na familia reinante. En 1978 foi elixida unha nova Asemblea Nacional que se opuxo a un incremento das tarifas públicas e maiores restricións na prensa. Durante a década de 1980 a guerra entre Irán e Iraq intensificou a preocupación do goberno de Kuwait pola seguridade militar. En maio de 1981 Kuwait participou na creación do Consello de Cooperación do Golfo destinado sobre todo á organización dunha estrutura militar defensiva, independente das grandes potencias. En 1985 o xeque disolveu a asemblea, ampliou a censura de prensa e pasou a gobernar por decreto. A pesar destas medidas de protección, o carácter prooccidental de Kuwait e o apoio que prestou a Iraq na guerra contra Irán, provocou os ataques e sabotaxes ás instalacións petrolíferas por parte dos iranianos. Trala fin da guerra (1988), Iraq tentou que a OPEP aprobase unha suba nos prezos do petróleo, pero esta medida atopou a oposición de diversos estados, entre eles Kuwait. Este feito, xunto coas súas reivindicacións históricas sobre este territorio, levou ao xefe do estado iraquí Saddam Palatino; Ḥ usayn a invadir Kuwait en agosto de 1990.
A Guerra do Golfo e a posguerra
Esta acción desencadeou unha contundente resposta por parte de EE UU, que despregou a súa flota no Golfo Pérsico e o exército en Arabia Saudí. Despois da autorización da ONU unha coalición internacional de tropas de preto de 30 países, dirixida por EE UU, atacaron as tropas de Iraq en xaneiro de 1991. Saddam Palatino; Ḥ usayn rendeuse en febreiro e trala súa derrota, Kuwait foi ocupado polas tropas da coalición, que reinstauraron no poder o goberno anterior á invasión. O conflito provocou a fuxida de case 200.000 kuwaitís e unha drástica redución na produción de petróleo. A situación interior de Kuwait non experimentou cambios substanciais, pero a presión internacional sobre o emir, forzouno a introducir reformas democratizadoras como a suspensión da censura nos xornais e a convocatoria de eleccións lexislativas (1992).Aínda así, os partidos continuaron prohibidos e o dereito ao voto limitouse ao 15% da poboación adulta, excluíndose os estranxeiros naturalizados e as mulleres. Malia que os grupos de opositores acadaron a maioría nas eleccións á Majlis al-Umma, o executivo presidido polo emir conservou o poder.
Os intentos democratizadores
Nas eleccións de 1996 os parlamentarios continuaron defendendo o réxime de subvencións que gozaban os seus electores e reclamaron a reforma da administración. A enfermidade do príncipe herdeiro e primeiro ministro, puxo de manifesto a debilidade na administración e suscitou as críticas dos parlamentarios pola súa dobre condición. Un novo escándalo vinculado co ministro de Xustiza e Asuntos Islámicos, en abril de 1999, orixinou unha crise que levou á disolución da Majlis al-Umma polo emir e a convocatoria de novas eleccións en xullo de 1999. Os candidatos independentes agrupáronse e organizaron campañas conxuntas, mentres acusaban o goberno de preparar a compra de votos. Mentres o emir prolongou o mandato do goberno e aproveitou a ausencia de oposición parlamentaria para aprobar unha polémica reforma dos impostos e da asistencia social. Os candidatos da oposición, formada por islamistas e liberais, acadaron os dous tercios dos escanos o que limitou a capacidade de manobra do goberno e o emir. En novembro de 1999 o gabinete aprobou unha lei, apoiada polo emir, que concedía dereitos políticos ás mulleres, pero a Majlis al-Umma rexeitouna en dúas ocasións en xuño e novembro dese ano. A enfermidade do emir provocou unha loita pola sucesión entre o príncipe herdeiro e os principais ministros e membros da familia real, feito que paralizou o goberno e provocou a súa dimisión en xaneiro de 2001. No novo goberno a familia reinante conservou os principais ministerios pero deu entrada a membros da Majlis al-Umma. Os parlamentarios islamistas constituíron un grupo que fixo forza para acadar que a lei islámica se convertese na fonte fundamental de dereito. Despois dos atentados do 11 de setembro de 2001 os islamistas manifestáronse en contra, pero condenaron tamén a posterior intervención de EE UU contra Afganistán.