Moreiras Blanco, Baldomero
Pintor, ilustrador e ceramista. Formado na Escola de Artes e Oficios de Ourense (1970-1973), estudou a técnica do gravado con Hernández Quero en Madrid (1973-1975), e nos anos 1982-1985 realizou unha longa estadía formativa en Italia, principalmente en Roma. Foi profesor de plástica na Escola Obradoiro Auria (Ourense). Participou na restauración do Tucho-Volter, onde pintou un mural, e fixo o debuxo conmemorativo do milenario de san Rosendo en 2007, que fabricou Sargadelos. Das súas pezas cerámicas destacan principalmente as series de pombas, que xa empezara a facer cando vivía en Castromau. Ilustrou, xa no ano 1976, Dende Lonxe, unha obriña que se fixera en Ourense en homenaxe ao lexicógrafo P. Crespo e mais ao pintor ourensán Luis Trabazo. Dos últimos anos son as ilustracións de: En el límite de la escritura, Poesía última de J. A. Valente (2002), de A. López Castro, ou as de Palabras da montaña; e tamén colaborou en Volverlles a Palabra: Homenaxe aos represaliados do franquismo, así como nas revistas Arraianos e Lethes. Dende 1975 expuxo de xeito individual en moitos lugares de Galicia -algúns tan populares como o Bar Isaac de Ourense ou o claustro barroco do convento de Celanova-, e participou en numerosas mostras colectivas. Das primeiras cómpre destacar: Pinturas Negras (1992), Paisaxes, Entroidos e Romarías (1997), Ara Ahora el Mar (1998), Merlín e Familia (2004), onde fixo a súa particular visión da obra de Cunqueiro, perspectiva á que non son estrañas as súas vivencias no val da Rabeda (Golpellás). Tamén expuxo con éxito en Lisboa e Madrid (Casa de Galicia-1998). A súa última mostra, na primavera de 2008 -na sala do Concello de Ourense, á beira da Catedral-, titulouse O mundo da man de Moreiras: un conxunto de obras cunha ollada moi persoal sobre as inxustizas sociais, os abusos políticos, a intolerancia ou algo tan presentista como a guerra de Bagdad. Na súa obra ten moita importancia a tensión reinterpretativa da tradición pictórica galega -particularmente da paisaxística- dende as novas inquedanzas e problemas que están a xurdir a cotío.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Celanova