Amapá
Estado do Brasil (142.358 km 2 ; 326.000 h [estim 1995]). A capital é Macapá. Atópase na rexión do N, entre a Güiana Francesa e o esteiro do Amazonas; é accidentado ao NO, pola serra de Tumucumaque, prolongación oriental do macizo das Güianas, constituíndo no resto unha gran chaira cunha elevación central, a serra do Navío, na que se descubriron en 1946 importantes xacementos de manganeso. O litoral, que se estende entre o río Oiapoque e o canal do Norte no esteiro do Amazonas, é moi pantanoso. O país está drenado polas concas do propio Oiapoque e do Jari, afluente do Amazonas, que marca a linde co estado de Pará. O clima é tipicamente ecuatorial (o ecuador atravesa a capital) e dá lugar a unha vexetación selvática, aproveitada para a extracción de madeiras nobres e caucho. A costa está poboada por vexetación de manglares. O territorio segregouse do estado de Pará no 1943 e estivo moito tempo en litixio entre Francia e o Brasil. Conseguiu o status de estado no 1990.