Brecht,Bertolt
(Ausburgo, Suabia 1898 - Berlín 1956) Poeta, novelista, autor e director de escena alemán relacionado co expresionismo. Iniciou a súa traxectoria producindo espectáculos de ton grotesco e nihilista como Baal (1918) ou Tambores na noite (1922), que orixinarían fortes polémicas dando mostra da capacidade creadora e da vontade provocadora dun dos máis importantes artistas escénicos do século XX. Traballou como dramaturgo do teatro Kammerspiele de Múnic (1923) e do Deutches Theater (1924). Entre 1924, ano en que se traslada a Berlín, onde colabora con Max Reinhardt e Erwin Piscator, e febreiro de 1933, data en que abandona Alemaña coa súa muller Helene Weigel, Brecht desenvolve unha intensa actividade e formula os principios do que se vai coñecer como teatro épico. Publicou os poemarios Taschenpostille (Sermonario de peto, 1927) e Hauspostille (Sermonario doméstico, 1927). En 1928 estreou Dreigroschenoper (A ópera de a patacón), baseada nun texto de John Gay, que mostra a asombrosa capacidade de Brecht para adaptar e recrear historias, textos e anécdotas alleas. Nesta obra comeza a teorizar sobre a concepción do teatro, que denominou épico e, máis tarde, dialéctico. No ano 1933 abandonou Alemaña por oposición ao nazismo e, despois de residir en diversos países europeos, instalouse en Hollywood. Durante o seu exilio, escribiu unha serie de pezas que o consagrarían como un dos máis fecundos dramaturgos do século, mais sen renunciar ao seu compromiso social e político, denunciando o réxime nazi polas atrocidades causadas contra a humanidade e mostrando a explotación e a alienación á que conduce o capitalismo. Entre esas pezas débense salientar Terror e miseria do terceiro Reich (1938), Kaukasische Kreidekreie (O círculo de xiz caucásico, 1944) e Leben des Galilei (Vida de Galilei), reelaborada repetidamente do 1938 ao 1956. Converteuse nun autor capital na historia da renovación do espectáculo escénico. Durante a Segunda Guerra Mundial estrenáronse en Zúric dúas obras esenciais: Mutter Courage (Nai Coraxe, 1941) e Der gute Mensch von Sezuan (A boa persoa de Sezuan, 1943). Amais do seu labor como dramaturgo, tamén hai que considerar o seu traballo como director de escena e os espectáculos creados a partir dos seus propios textos, moitos deles presentados no Berliner Ensemble, compañía que fundou en Berlín, trala Segunda Guerra Mundial. No ano 1947 marchou a Washington ao ser chamado polo comité de actividades antiamericanas e decidiu abandonar o país. En 1940 estreou en Zúric Herr Puntilla und sein Knecht Matti (O señor Puntilla e o seu criado Matti), e ese mesmo ano estableceuse no Berlín Oriental. No 1950 adquiriu a cidadanía austríaca, mais permaneceu na República Democrática Alemana ata a morte. Nesta última época dedicouse preferentemente á adaptación de obras doutros, a traballos teóricos e á dirección escénica. Combateu os esquemas da traxedia, convencido de que o home non nace predestinado, senón que pode transformar e mellorar libremente o mundo. Entre os traballos teóricos cómpre destacar Kleines Organon für das Theater (Pequeno órganon para o teatro, 1949).