Breda

Breda

Cidade da provincia do Brabante Setentrional, Países Baixos, na confluencia do río Mark e do Aa, ao SL de Rotterdam (156.364 h [1997]). A súa economía está baseada na industria metalúrxica, industria alimentaria, tecidos, plásticos, industria do coiro e calzado. Foi un feudo da casa de Brabante dende o s XII ata 1404, que pasou á casa de Nassau. Conquistada polos españois no 1581, foi reconquistada pouco tempo despois, en 1590 polos holandeses que se mantiveron ata o 1625, ano no que as forzas españolas comandadas por Ambrosio Spinola obtiveron a rendición da cidade, acontecemento recollido por Velázquez no seu lenzo La rendición de Breda. No 1637 Federico Enrique de Orange conquistou a cidade, e o Tratado de Westfalia de 1648 ratificoulle a posesión. Os franceses apoderáronse dúas veces desta vila, no 1793 e 1795, e no ano 1813 volveu definitivamente a Holanda.