concreto -ta

concreto -ta

(< lat concrētu, p p de concrescere)

  1. adx
    1. Aplícase ás cousas ou ao seu nome, que existen ou se imaxinan como existentes, como individuos dunha especie designada polo seu nome, considerados en si mesmos e non na mente como representación de toda a especie. Así, por exemplo, peixe, como concepto abstracto, oponse a un peixe, que designa un individuo determinado dunha especie e, xa que logo, concreto.

    2. [FILOS]

      Aplícase ao termo que designa un suxeito real, e non unha calidade ou relación nela mesma.

      Sinónimos: particular, particular.
  2. adx
    1. Que se coñece ou expresa de forma exacta, sen vacilacións de ningún tipo.

      Ex: O xuíz estableceu unha data concreta para comunicar o veredito. 

    2. Que expresa un obxecto particular ou que alude a algo determinado e puntual que se está a tratar.

      Ex: Non quere un pano da cabeza calquera, quere desa cor concreta. A testemuña achegou probas concretas sobre o crime. 

  3. adx

    Formado pola unión de partículas nunha masa máis ou menos sólida (por oposición a fluído).

  4. s m [ALIM]

    Produto aromático, sólido ou pastoso, obtido de plantas e flores aromáticas pola acción disolvente de hidrocarburos e a súa posterior evaporación. Contén aceites esenciais, ácidos graxos, ceras e, en xeral, todas as substancias solubles en hidrocarburos. Emprégase para uso alimentario e para perfumería.

  5. [ARTE]

    Denominación que Theo van Doesburg lle deu á arte abstracta no manifesto Art Concret (1930) -que, nun principio, ía ser o primeiro número dunha revista- como reacción á fundación do movemento artístico Cercle et Carré, malia estar vinculada a eles nun comezo. As súas ideas recolleunas en 1944 un grupo de artistas suízos dirixidos por Max Bill, quen definiu a pintura concreta como a eliminación da representación naturalista baseada nas formas mínimas, na cor e nas composicións ortogonais. Estes artistas quixeron realizar unha arte comprensible para todo o público e buscaron a creación dunha linguaxe válida para todas as artes. Max Bill organizou dúas exposicións, unha en Basilea (1940) e outra en Zúric (1960).

  6. [MÚS]

    Música baseada no emprego de sons e ruídos que poden reproducirse de diversas formas e que configuran unha peza musical. Esta iniciativa musical principiouna Pierre Schaeffer no estudo da radio francesa no ano 1948. A súa denominación fai referencia á orixe concreta dos sons utilizados nunha composición: elementos preexistentes, sons musicais e ruídos (motores, auga que cae, perforadores, etc). A partir dos anos setenta o concepto de música concreta inseriuse dentro do máis xeral de música electrónica. Precursores deste tipo de música foron, entre outros, John Cage e Olivier Messiaen, e as primeiras composicións importantes foron obra de Pierre Schaeffer e de Pierre Henry. Estiveron en contacto coa música concreta, entre outros, Pierre Boulez, Luciano Berio e Bruno Maderna.

  7. [LIT]

    Poesía que renuncia á sintaxe usual e iguala os valores semántico e gráfico da imaxe (tipográfica ou fotográfica); inclúe, ademais, unha variedade de experimentos poéticos de tipo visual, fonético e cinético. Esta denominación apareceu no ano 1955 nunha antoloxía feita polo grupo Noigrandes e E. Gomringer. Como antecedentes, cómpre mencionar os caligramas de Apollinaire. Tamén se denomina poesía experimental, visual ou fonética.

Frases feitas

  • En concreto loc adv De forma precisa. Ex: Ó cuñado, en concreto, encarcerárono.