2 ese -sa
(< lat ipse, ipsa, ipsu)
-
dem
Designa a cousa ou persoa que se atopa máis cerca do receptor ca a do emisor, ou nunha distancia intermedia, nin de proximidade nin de afastamento, do emisor.
Ex: Colle ese libro que tes aí ó teu carón. Tráeme esa que está á dereita do ordenador.
-
dem
Emprégase para referirse a algo que se acaba de mencionar e non a outro. Ex. Esa praia non queda moi lonxe, pódese ir andando. Estou totalmente de acordo con iso que acabas de dicir.
-
dem
Emprégase con valor despectivo ou distanciador cando acompaña ou substitúe un substantivo.
Ex: Ese asunto non me cheira nada ben. Esa xa nin me dirixe a palabra.
-
dem
Expresa desapego ou desinterese por algo ou alguén.
Ex: Agasalloume con iso que ves no chan. OBS: As formas neutras presentan i ou e (iso, eso) e non admiten variación de número. Ex: Iso que tes diante dos teus ollos é unha balea. Eso éche moi difícil de aturar. O neutro, ás veces, reforza as respostas a interrogativas directas. Ex: -Tampouco vas vir con nós de viaxe? -Ai, iso si que non. O demostrativo ese contrae coas preposicións en e de e dá lugar ás formas nese, nesa, niso, neso, neses, nesas, dese, desa, diso, deso, deses e desas. Ex: Nese instante entrou pola porta. Colleu as mazarocas desa cesta. Diso non quero nin oír falar. No galego moderno coexisten tres paradigmas de demostrativos, con distribución xeográfica propia cada un deles, ademais dalgún paradigma mixto resultado do cruzamento dos anteriores e con vixencia só en puntos illados: a) ese, esa, eso, etc, é o paradigma máis estendido e o máis documentado nos textos galegos medievais; b) ise, esa, eso, etc, coas formas masculinas en i- (iste, ise, aquil e il) forman unha zona compacta que comprende a maior parte da provincia de Ourense e o sur de Lugo; e c) ese, esa, iso, etc, esténdese por dúas áreas descontinuas moi poboadas: unha comprende a metade sur da provincia de Pontevedra e outra o nordés da Coruña.