Este ou Estense
Liñaxe da nobreza italiana que gobernou nos ducados de Ferrara, Modena e Reggio e o condado de Rovigo. O seu fundador, Alberto Azzo II , marqués e señor de Este, señor de Rovigo e conde de Lumigiana, fixou a súa residencia no castelo de Este. Obizzo I d’Este estendeu o seu dominio sobre Ferrara, que se converteu no seu centro político. Entre outros membros destacan Nicolò II (1384-1388), protector de F. Petrarca e fundador da universidade de Ferrara; Nicolò III (1384-1441) protector do humanista Guarino de Verona; Beatriz de Este (1475-1497), beata, converteu Milán nunha das cortes máis importantes de Europa e contratou a Leonardo da Vinci, D. Bramante e Rafael; Isabella d’Este foi protectora de Rafael e Ippolito II d’Este (1509-1572) cardeal e diplomático.