Meca, A

Meca, A

Capital da provincia de Makkah al-Mukarramah, Arabia Saudí (965.700 h [1992]). Considérase a capital espiritual do mundo islámico polo feito de ser o lugar natal de Mahoma. É un centro comercial e turístico, especialmente destinado a acoller os peregrinos, uns 500.000 anuais. Centro comercial e relixioso da época preislámica (Ka’ba), continuou séndoo despois da predicación de Mahoma. Durante os califatos omeia e abbásida foi administrada por membros da familia califal, ata que cara a 960 acadou unha certa autonomía baixo a soberanía fatimita. Despois das dominacións aiúbida e mameluca, dependeu dos otomanos (1517-1916), ata que Ḥusayn ibn ‘Alī a declarou independente e Ibn Sa’üd a converteu en capital do reino de Al-Ḥiǧāz (1924). A gran mesquita, situada no centro da cidade, está constituída por un gran recinto rectangular e un patio porticado, construído en diversas épocas ao redor da Ka’ba, situada no centro, cara a que se orientan os miḥrābs de todas as demais mesquitas; as columnas foron traídas de Siria e Exipto. O sultán Ahmet I fixo erguer un sétimo minarete, para manter a preeminencia da Meca sobre a mesquita azul que construíra en Istambul, con seis minaretes.