paisaxe
(< fr paysage)
-
-
s
f
[XEOG]
Porción de espazo que se caracteriza por un tipo de combinación dinámica, e polo tanto inestable, de elementos xeográficos diferenciados -abióticos, bióticos e antrópicos-. Estes elementos actúan dialecticamente uns sobre os outros e fan da paisaxe un conxunto xeográfico indisociable, que evoluciona en bloque tanto baixo o efecto das interaccións entre os elementos que o constitúen como baixo o efecto da dinámica propia de cada un dos elementos considerados por separado. Así, pódese falar dunha paisaxe humanizada cando o elemento antrópico actuou e modificou os outros elementos e incorporou á natureza elementos propios (paisaxe agraria, urbana ou industrial), e dunha paisaxe natural cando o home non a modificou. Esta definición de paisaxe, que incorpora ao seu estudo a teoría de sistemas, en boa parte a través da ecoloxía, non foi dada ata mediados do s XX, porque dentro do contexto da ciencia xeográfica o concepto de paisaxe evolucionou moito. O Consello de Europa elaborou un acordo entre estados que presenta abertamente o dereito á paisaxe e recolle unha das ideas máis difundidas desde a década de 1970, a aspiración a vivir nun medio digno e saudable. Este acordo xurdiu da Convención Europea da Paisaxe, firmada en outubro de 2000 en Florencia, que definiu a paisaxe como calquera parte do territorio tal como é percibida polas poboacións, carácter do que resulta a acción de factores naturais e humanos e das súas interrelacións. A paisaxe tamén condiciona a calidade de vida, pois forma parte do medio ou ambiente en que se vive. Esta apreciación é válida tanto nas cidades como nos ámbitos rurais, para os territorios ben conservados e os degradados, porque todos eles son escenarios cotiáns para quen os habita. Ademais, a convención entendeu que a paisaxe participa de xeito importante noutras cuestións de interese xeral, culturais ou sociais, e considéraa como un recurso económico que pode contribuír ao desenvolvemento e creación de emprego. Previamente a esta convención a paisaxe era maioritariamente entendida como un aspecto cualitativo exclusivo de espazos singulares, ou como un feito só apreciable por persoas refinadas, non obstante, as conclusións que xurdiron desta convención amplían enormemente a súa valoración. A convención denunciou, ademais, a negativa que é a tendencia de reservar ou crear espazos de paisaxes de luxo para elites económicas excluíntes (urbanizacións pechadas, complexos turísticos de alto nivel económico en países subdesenvolvidos) e, ao mesmo tempo, condenar a poboacións inxentes a vivir en medios moi degradados (grandes cidades do terceiro mundo, espazos rurais que perden toda a súa identidade e lugares contaminados). A convención pretendeu tamén ser un compromiso para conciliar os aspectos naturais e culturais presentes en todos os territorios e expresados por todas as paisaxes, así como un medio útil para afondar na democracia ao poñer a responsabilidade do mantemento ou mellora das paisaxes en mans das autoridades locais e rexionais, e facer responsable a cada poboación de definir os seus obxectivos de calidade paisaxística. Distintas civilizacións e culturas tomaron en consideración a paisaxe en diferentes momentos históricos e cargárona de sentidos ou matices particulares; nuns casos púxose maior énfase sobre aspectos ambientais e noutros sobre os sensoriais, saudables ou estéticos. Desde a perspectiva dos saberes científicos e técnicos producíronse distintas aproximacións á paisaxe: unhas máis interesadas nos seus aspectos obxectivos, tanto formais (arquitectura, paisaxismo convencional), como causais (bioloxía, ecoloxía, xeografía, xeoloxía), e outras nos subxectivos ou percibidos (antropoloxía, psicoloxía ou socioloxía). Estes diversos enfoques aprecian escalas diferentes da realidade espacial e aspectos da mesma pouco converxentes. A consideración multidisciplinar da paisaxe evolucionou por camiños diferentes e con frecuencia inconexos. A definición establecida pola Convención Europea da Paisaxe pode contribuír a que se supere esa situación de falta de entendemento, pois reúne os distintos aspectos que captaron o interese das diversas disciplinas: a paisaxe é un feito obxectivo e por tanto supeditado á administración ou goberno como tantos outros aspectos da realidade, depende da valoración ou percepción que del teñen as poboacións e é resultado duns determinados factores (naturais, humanos e as súas interrelacións), de xeito que as actuacións que nel incidan deben facerse con coñecemento de causa ou poderían quedar reducidas á mera escenografía.
A paisaxe galega
A paisaxe galega foi descrita por R. Otero Pedrayo, quen diferenciou as unidades paisaxísticas considerando unha serie de rexións naturais ou comarcas individualizadas pola combinación expresiva e orixinalidade dos factores naturais e históricos xerais a toda Galicia: a altitude e o grao de influencia atlántica, o tipo de rocha predominante e a súa morfoloxía, a intensidade do traballo humano considerado nas formas da agricultura como dimensión histórica, a proporción entre a cidade e a aldea e o ritmo acelerado ou retardado do vivir histórico. Individualizou en catro categorías de terras e formas a paisaxe de Galicia en función da altitude: baixas (de val e litoral), costas de suave gradación sobre os vales, montañas en formas onduladas e, finalmente, as serras. A partir desta clasificación a análise xeográfica permitía diferenciar dous grandes conxuntos de rexións naturais. A Galicia oriental, que abarcaría o conxunto de territorios litorais cantábricos, que se prolongan cara ao S e que inclúe o Alto Miño (Terra Chá) e o val do Sil, xunto cos relevos montañosos que as delimitan. Esténdése pola franxa montañosa oriental galega que fai fronteira con Asturias, León e Zamora, e engloba tamén os macizos montañosos do S e SO de Ourense. Segundo Otero Pedrayo, o val do Sil divide o relevo de Galicia oriental en dúas grandes unidades paisaxísticas: ao N, as serras cámbricas e silúricas envolven o amplo val do Miño superior que progresivamente se afonda desde a Terra Chá aos Peares; e ao S, a estrutura cámbrica e silúrica cede ante a presenza de grandes masas de granitos e xistos cristalinos. A compartimentación paisaxística da Galicia occidental resulta máis complicada, pois a influencia oceánica uniformiza en gran medida o territorio. O val do Ulla separa os territorios litorais e sublitorais do Golfo Ártabro e do arco fisterrán (Bergantiños, Soneira, Barbanza) dos comprendidos polas Rías Baixas (O Salnés, O Morrazo e Miñor), á vez que aglutina un amplo conxunto territorial de difícil diferenciación paisaxística: Terra de Melide e comarca de Ordes, coas meridionais de Amaía, Deza e A Estrada, espazos de relevos ondulados, con amplos sectores abertos dedicados a pastos. O resto dos territorios vertébranse co Miño e os seus afluentes, que desde os territorios litorais do Rosal, se estendeu augas arriba polos vales do Louro (As Gándaras de Budiño), Tea (O Condado), e configurou o Baixo Miño, mentres que o sector central, ourensán, se prolonga co Arnoia (Terra de Celanova) e en menor medida co Avia (O Carballiño). O último sector da Galicia occidental está representado polo val do Limia e polo conxunto montañoso que separa os territorios galegos de Portugal. Pola súa banda, A. Pérez Alberti realizou tamén unha importante contribución á caracterización paisaxística de Galicia desde unha perspectiva xeográfica e xeomorfolóxica. Segundo este investigador as unidades litorais e sublitorais manteñen no básico a división que realizou Otero Pedrayo, mentres que o territorio interior se descompón en base a dúas grandes unidades con claros vínculos paisaxísticos, diferenciando a montaña, onde a verticalidade é o elemento dominante na estruturación da paisaxe, fronte ao conxunto constituído polas depresións tectónicas, superficies de aplanamento e os vales fluviais en que predomina de novo a horizontalidade da paisaxe. Outros autores como Bellot, Rivas-Martínez e Izco estableceron unha delimitación bioxeográfica de Galicia con claras conotacións paisaxísticas. Nela os diversos territorios adscríbense a un conxunto de unidades xerarquizadas establecidas a partir da análise da distribución dos diferentes taxons e comunidades vexetais. Os territorios con clima atlántico adscríbense á rexión eurosiberiana, provincia atlántico-europea, e en concreto ás subprovincias cántabro-atlántica e a orocantábrica, mentres que aqueles onde a sequidade estival se manifesta de xeito nítido asígnanse á provincia iberoatlántica da rexión mediterránea. Segundo Ramil e Izco a tipoloxía da paisaxe galega realízase, a semellanza dos territorios cántabro-atlánticos da Península Ibérica, a partir dunha serie de unidades sintéticas, que integran diferentes escalas espazo-temporais, tanto como factores abióticos (xeográficos, xeomorfolóxicos, climáticos ou edáficos) como bióticos (vexetación, flora, fauna ou aproveitamentos humanos). As principais unidades paisaxísticas corresponderían, segundo eles, respectivamente ao espazo litoral e sublitoral, que engloba o territorio continental onde a acción do mar se exerce de forma directa ou indirecta sobre a configuración da paisaxe; e ao espazo interior de Galicia, que quedaría representado polo conxunto de montañas, chairas e vales fluviais, onde ese efecto mariño queda amortecido fronte a outros factores ambientais. -
paisaxe vexetal/
[XEOG/BOT]
Estrutura da vexetación dunha unidade xeográfica. A rama da xeobotánica que a estuda é a fitotopografía. Hai tres tipos de paisaxes vexetais: a paisaxe natural, onde a intervención do home foi nula ou ínfima; a paisaxe rural, coa vexetación bastante ou moi transformada; e a paisaxe urbana, onde a vexetación queda reducida a zonas axardinadas e a comunidades abandonadas.
-
s
f
[XEOG]
-
s
f
[ARTE]
Pintura, debuxo ou gravado que representa un lugar natural ou urbano como tema principal ou ben como fondo ou ambientación. Este xénero apareceu no mundo helenístico e romano para a decoración do fondo de pinturas. Posteriormente foi reducido a símbolos ata que rexurdiu no s XIV en Florencia e despois, no s XV, en toda Italia, a consecuencia da nova concepción humanística do espazo formulada pola perspectiva artificialis. Non foi cultivado como xénero autónomo ata os ss XV e XVI en Países Baixos. Sobresaíron a corrente flamengo-holandesa e as escolas alemá e veneciana. No s XVII, florentinos e romanos crearon a veduta, e en Holanda converteuse no xénero nacional. No s XVIII a paisaxe occidental basculou entre a Venecia dos vedutisti e as reflexións sobre a arte-natura. En Oriente, sobre todo en China e Xapón, a paisaxe era unha arte autónoma. O impresionismo someteu a paisaxe romántica a unha verdadeira revolución óptica, os postimpresionistas proxectaron o seu mundo interior, os fauvistas utilizárona como un mero pretexto cromático e os cubistas reducírona ao esencial.