Abad Conde, Xerardo
Político e Catedrático de Filosofía do Dereito. Masón sobranceiro, dende novo destacou como orador e representante do republicanismo coruñés no Partido Republicano Autónomo. Líder do radical-lerrouxismo na Coruña, foi en repetidas ocasións concelleiro e alcalde desta cidade. Ao se proclamar a Segunda República, foi nomeado Subsecretario do Ministerio de Comunicacións. Nas eleccións a Cortes Constituíntes de xuño de 1931, encabezou a candidatura pola Coruña de Alianza Republicana-Partido Radical. Abad Conde quedou daquela sen acta de deputado, mais ao se impugnar as eleccións en Lugo acadou un escano nesta circunscrición. Nas eleccións a Cortes de novembro do 1933, a ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma) pactou cos radicais formando unha candidatura conxunta da que sería eliminado por intervención de Casares Quiroga. En 1933 foi elixido polas Cortes Vocal do Tribunal de Garantías Constitucionais, membro da Xunta Permanente do Estado e Presidente do Consello de Estado. Dous anos despois ocupou o cargo de Ministro de Marina no goberno de Lerroux e foi nomeado Catedrático da Universidade de La Laguna (Tenerife), aínda que non tardou en cesar polas presións de sectores da prensa e dos catedráticos. Nas eleccións de febreiro do 1936, presentouse como único aspirante a deputado pola circunscrición da Coruña formando parte da candidatura de dereitas derrotada pola Frente Popular. Morreu fusilado, en 1936, polos gardas de asalto no conflito do cárcere de Xeneral Porlier. É autor de Institutos Naúticos Oficiales (1920) e El salario (1922).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ordes -
Deceso
Lugar : Madrid