abbásida

abbásida
  1. adx [HIST]

    Relativo ou pertencente aos abbásidas.

  2. s [HIST]

    Membro desta dinastía árabe de califas instalada en Bagdad. O primeiro Califa foi Abū-I-’Abbās al-Saffāḥ, suposto descendente de al-’Abbās ibn ‘Abd al-Muṭṭalib ibn Hāšim, tío de Mahoma. No Califato abbásida sucedéronse trinta e sete soberanos que reinaron durante cincocentos anos. Nun principio instaláronse en Kūfa; pero ao ser fundada Bagdad no 762, trasladouse alí a capital. A dinastía abbásida tentou manter a unión do grande imperio do Islam por medio dunha reforma relixiosa ortodoxa e duns costumes unificados. Entre outras cousas, devolvéronlles á Meca e a Medina a súa relevancia como centros relixiosos. Os dominios dos abbásidas mantivéronse en Oriente pero non en Occidente, onde se independizou Al-Andalus (756) e unha gran parte do Norte de África (787). Só retiveron Ifrīqiya -na actualidade Tunicia e parte de Alxeria-. A dinastía obtivo o máximo esplendor durante o Califato de Hārūn al-Rašīd, no paso do s VIII ao IX. Non obstante a decadencia foi rápida. Os mongois, dirixidos por Hūlāgū, neto de Gengis Khan, destronaron e deron morte no 1258 ao derradeiro Califa abbásida de Bagdad, al-Musta´ṣim. Algúns membros da familia establecéronse en Exipto, onde continuaron unha dinastía nominal ata o 1517, ano no que foron definitivamente destronados polos otomanos.

Palabras veciñas

Abbagnano, Nicola | Abbai | Abbas, Ferhat | abbásida | Abbat, Per | Abbe | Abbe, Cleveland