Abelenda Escudero, Alfonso
Pintor.
Fillo da pintora Pilar Escudero e neto do escultor Escudero. Discípulo de García Patiño, a súa obra enmárcase dentro dunha corrente de figuración expresionista. En 1949 inicia os seus estudos de Arquitectura en Madrid, onde realiza as primeiras exposicións, como a de 1954 en Santiago de Compostela xunto con Labra, Lago Rivera e Tenreiro, cos que formou grupo. Nestas datas a súa pintura adquire unha liberdade operativa tanto nos temas como no tratamento dos mesmos, cun espírito festivo cheo de vida e en continua expansión que provoca que sexa un pintor de cor intensa, viva, explosiva, con contrastes violentos de gamas primarias.
En 1957 xunto a Xesús Núñez, Labra e Mampaso fixo unha exposición de tapices, trasladándose no mesmo ano a Marrocos onde expuxo en Tetuán, Tánxer e Rabat ao abeiro da UNESCO. En Tánxer iníciase no humorismo gráfico na revista Don José, dirixida por Mingote. Colaborador de La Codorniz e de Cambio 16, Diario de Madrid, Informaciones, Arriba e La Voz de Galicia, onde publica debuxos, artigos e contos.
Recibiu o premio Paleta Agromán e a primeira medalla do Salón Nacional de Humoristas (1968). Coñece ben a tradición española e francesa, practica abstracción e figuración nunha liña expresionista; recrea temas clásicos dende unha estética barroquizante e caracteriza o protagonista do cadro a través dunha lectura irónica e moi lúcida.Un bo exemplo é La visita del obispo (1993), propiedade do Museo Municipal Quiñones de León de Vigo.
As súas versións de temas de Goya ou Velázquez van máis alá dos orixinais ao crear o seu propio universo plástico que lembra ao anterior só no punto de partida e da relación dialéctica establecida. O resultado son novas majas, meninas e bufóns, impregnadas dun sentido festivo e moitas veces satírico. Como paisaxista, a súa técnica permítelle a liberdade de mirada e polo tanto a compositiva e a posta en práctica de ricas texturas de materia e cor cun referente impresionista que chega a converterse nunha case absoluta abstracción.
Expuxo en Londres (1960), París (1961), Madrid (1971 e 1973) e participou nas Feiras Mundiais de Bruxelas e Nova York, realizando nesta última deseños para o Pavillón de España.
En 2005 ingresa como membro numerario na Real Academia Galega de Belas Artes.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña