Abelenda Zapata, Manuel
Pintor. Estudiou na Escola de Artes e Oficios da Coruña. En 1908 recibiu unha bolsa do concello da Coruña para a Escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid e ampliou estudios na Academia de España en Roma (1914), dirixida por Eduardo Chicharro. Membro Correspondente da Real Academia Galega (1946). O coñecemento do mundo clásico afirmou e consolidou a súa idea conservadora da arte. Unha segunda bolsa da Deputación da Coruña (1930), permitiulle volver a Italia e visitar museos e exposicións en Bélxica. Participante nas Exposicións Nacionais de Belas Artes, obtivo a terceira medalla coa paisaxe Mañá de outubro desde o meu estudo (1943). A súa pintura caracterízase polo rexeitamento tanto das correntes de vangarda como da tradición, quedando nun termo medio. A súa formación en Madrid da man do academicista José Moreno Carbonero e do paisaxista valenciano Antonio Muñoz Degrain, así como do mencionado Eduardo Chicharro, explica o seu rexeitamento das vangardas, o seu dominio do debuxo como base da figuración e a súa concepción da arte como reflexo da natureza. Pertenceu á xeración novecentista e contribuíu á formación e consolidación dunha arte galega na corrente do rexionalismo artístico. Gran debuxante, destacou sobre todo como paisaxista dándolle á paisaxe galega unha interpretación múltiple, máis veraz, captando cunha gran mestría a brétema e a humidade. Tamén pintou bodegóns, retratos e temas costumistas.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso