abisal
(< lat abyssu < grἄβυσσος ‘sen fondo’)
-
adx
[MAR/XEOL]
Relativo ou pertencente ás grandes profundidades oceánicas.
Ex: Descendeu co batiscafo para estudar os peixes abisais.
Confrontacións: abismal. -
fauna abisal
[ZOOL]
Fauna que habita as grandes profundidades mariñas. Os animais que a compoñen (peixes, cefalópodos, crustáceos e equinodermos, maiormente) presentan características especiais. Todos son carnívoros ou saprófitos, que dependen da achega de materia orgánica procedente das zonas fóticas. A quietude das augas permitiulles desenvolver apéndices longos e delicados (Himantolophus, Melanocetus, etc). Os peixes adoitan ser negros ou de tonalidades escuras, presentando, a miúdo, órganos luminosos, como o peixe sapo. Algunhas especies teñen os ollos hipertrofiados, como o Alepocephalus; outras atrofiados por completo, como o Bathypterois.
-
rexión abisal
[MAR]
Zona mariña comprendida entre os 800 e os 10.000 m aproximadamente de profundidade. Caracterízase pola temperatura baixa e constante, a presión elevada, a quietude das augas, a escuridade completa e, a causa diso, a falta de actividade fotosintética.
-
sedimentos abisais
[MAR]
Sedimentos formados nos fondos submarinos a máis de 2.000 m de profundidade. Xeralmente, aparecen constituídos por depósitos moi finos de orixe orgánica como os restos calcarios de Globigerina e radiolarios.