Abkhazia

Abkhazia

República autónoma dentro da República de Xeorxia (8.660 km2; 516.000 h [estim 1993]). Ocupa o ángulo NO da depresión do Rioni, entre o Cáucaso e o Mar Negro. Presenta tres rexións fisiográficas: a litoral, as serras e a zona axial paleozoica do Cáucaso, que alcanza os 3.000-4.000 m. O clima é de tendencia subtropical, mediterráneo húmido. Destacan a agricultura e a minería da hulla. Unha sexta parte da poboación é, etnicamente falando, abkhaza; o resto está composta de xeorxianos, armenios e rusos. Sukhumi, a capital, é o centro cultural e industrial, así como un dos núcleos turísticos da riviera de Abkhazia. O nome de Abkhazia aparece no s VIII, no territorio da antiga Cólquida. Moreas de pobos forasteiros sucedéronse neste recuncho do Cáucaso: colonias gregas xonias sometidas a Mitrídates da Ponte, aos romanos, ao Imperio Bizantino, aos sasánidas, aos árabes e aos mongois. Entre 1806-1810, os rusos desprazaron os dominadores turcos. No ano 1921 constituíuse en República Soviética, aínda que despois se integrou como república autónoma dentro de Xeorxia (1931). No ano 1992, cando o Parlamento Xeorxiano proclamou a soberanía da República, comezou un conflito armado de disgregación que aínda perdura na actualidade en Xeorxia. O conflito con Abkhazia rematou militarmente en 1993; non obstante en maio de 1998 aínda continuaban as conversas en Moscova entre os secesionistas (Abkhazia adminístrase de facto como unha república soberana) e os xeorxianos, sen chegar nunca á entrevistarse ambos os dous presidentes, Ardzimba e Shevardnadze respectivamente. As víctimas da limpeza étnica (200.000 xeorxianos de Abkhazia) aínda continúan sen poder regresar á súa terra e os conflitos no distrito fronteirizo de Gali continúan a ser problemáticos (1999).