Abrahán
Patriarca dos pobos hebreo e árabe. Os hebreos considérano proxenitor a través do seu fillo Issac e os árabes, por medio do seu outro fillo, Ismael. Segundo o libro da Xénese pertencía ao clan de Terha, descendente de Sem (fillo de Noé). Viviu na rexión de Ur de Caldea (Mesopotamia) e recibiu orde de Iavé de emigrar coa súa familia a Palestina. Monoteísta dentro dun ambiente politeísta, chamouno Deus para que se trasladase a Caná. Obrigado por un período de fame emigrou a Exipto. Retornou a Caná e salvou o seu sobriño Lot, prisioneiro de Kedor-Laómer, Rei de Elam. Aínda que tivera un fillo, Ismael, da escrava Agar, Iavé aseguroulle que o ía facer pai dunha multitude de pobos. Así, cumprindo a promesa de Iavé, a súa esposa Sara, daquela vella e estéril, tivo a Isaac, do que nacería unha numerosa descendencia. Ficou, deste xeito, constituída a Alianza entre Deus e o seu pobo, e instituída a circuncisión, sinal desa alianza. Para probar novamente a Abrahán, Deus ordenoulle sacrificar o seu fillo Isaac, pero cando se dispuxo a facelo, mandoulle que o substituíra por un año e a Alianza quedou renovada.