Académie Française
Institución orixinada a partir das reunións dun grupo de literatos, regulamentada por Richelieu (1634), recoñecida por Luís XIII (1635) e polo parlamento (1637). No ano 1793 pasou a formar parte do Institut de France -compartindo sección cos pintores, os escultores e os músicos-, do que se desagregou en 1816 ao recuperar a súa histórica autonomía. A finalidade que lle atribuíu Richelieu foi a de regular a lingua francesa, polo que o seu propósito inicial foi a redacción dun dicionario (1694), dunha gramática (1932) e, posteriormente, dunha retórica e unha poética. Ten a súa sede en París. Os seus académicos, designados tamén co nome dos inmortels -a causa da divisa da institución, À la immortalité-, son titulares e elixidos por maioría absoluta. Non está dividida en seccións. Concede periodicamente o Grand Prix de Littérature e o Grand Prix du Roman.