Acción Católica

Acción Católica
[RELIX/POLÍT]

Agrupación política católica, fundada en Madrid en xuño do 1900. No 1891 produciuse un cambio fundamental no catolicismo europeo coa publicación da encíclica Rerum Novarum, na que León XIII establece as bases para unha maior penetración social das agrupacións de carácter confesional, diante da preocupación vaticana pola inexistencia dun partido católico que defendera os seus intereses alí onde a nova organización do estado liberal reducía a tradicional influencia da Igrexa. Neste contexto nace Acción Católica (AC) que, ao igual que moitas outras agrupacións confesionais da época, participa da nova organización institucional e administrativa liberal. Acción Católica mantivo os seus principios sabendo acomodalos á dinámica social de cada momento; así, na época de Pío XI, que loitou polo seu desenvolvemento, definiuse como un movemento de encadramento do laico dentro da tarefa apostólica da Igrexa, respaldando o interese da xerarquía eclesiástica por manter organizacións propias, non sometidas ao control absorbente dos estados totalitarios. Un dos campos nos que Acción Católica se moveu con maior intensidade e interese foi o educativo-escolar, coa intención de abrir novos vieiros de intervención do movemento católico dentro do estado, creando coa súa decidida intervención no ámbito educativo un estado de opinión católico favorable, cando menos entre as clases máis pudentes, que eran as que lles inscribían maioritariamente aos seus fillos nos colexios relixiosos. Por outra banda, esta organización elaborou unha continua campaña en contra da secularización do estado e consecuente perda dos privilexios da Igrexa. En Galicia, proliferaron as seccións de Acción Católica nas cidades e vilas máis importantes, coordinadas pola Junta Central de Madrid. A importancia de Acción Católica está en que foi o primeiro intento firme de organizar unha asociación católica e política, produto da nova orientación corporativa que tomou o Movemento Católico, creando a base para o posterior desenvolvemento do catolicismo socio-político. Nos seus primeiros tempos, Acción Católica estruturouse en catro divisións (homes, mulleres, rapaces e rapazas), aínda que decontado foron admitidas organizacións especializadas no seo dalgunhas delas. Josef Cardijn fundou no 1912 a Xuventude Obreira Cristiá (XOC), coa que nace a especialización de Acción Católica, que se estruturou por movementos: Xuventude Agrícola Católica (XAC), Xuventude Estudiante Católica (XEC), Xuventude Independente Católica (XIC), Xuventude Obreira Católica (XOC) e Xuventude Universitaria Católica (XUC). Dirixidas a adultos, a Acción Católica Obreira (ACO), a Acción Católica Independente (ACI) e o Movemento Familiar Rural (MFR). En 1946 fundáronse as Irmandades Obreiras de Acción Católica (IOAC). Comezando por Catalunya, iniciouse, partindo da XOC, o proceso que ía levar á constitución de toda a serie de movementos especializados, ata que estes, que xa existían de feito, quedaron integrados na xuventude masculina (Juventud de Acción Católica Española). A partir do Concilio Vaticano II (1962-1965), os movementos especializados entraron nunha profunda crise. Dende a década de 1970, houbo unha nova recuperación destes movementos, malia que non chegaron a converterse no que foran durante decenios anteriores. No 1993 a Conferencia Episcopal Española aprobou uns novos estatutos para a Acción Católica que lle conceden unha ampla autonomía. En Galicia esta organización aparece no 1926 na diócese de Ourense e logo espallouse polas demais dióceses galegas. Durante unha primeira etapa que vai ata 1968 constituíronse as catro pólas de cada diócese (homes, mulleres, xuventude masculina e feminina), creáronse os Cursillos de Cristiandad, naceron movementos especializados como XOC, IOAC, XEC, APU, XARC ou XIC, editouse a revista Ultreya, establecéronse os servicios bibliográficos e creouse unha biblioteca popular. No 1968, malia promulgarse uns novos estatutos, iniciouse un período de crise que levaría á case total desaparición dos movementos especializados nas dióceses galegas. No 1972 comezou unha nova etapa de relanzamento promovida polo Episcopado Español nas dióceses de Ourense, Lugo e Tui-Vigo.