Acción Nacional de Santiago de Compostela

Acción Nacional de Santiago de Compostela
[HIST]

Organización política de carácter conservador, fundada en Santiago de Compostela o 16 de xuño de 1931. Apareceu como resposta da dereita galega ao rexime nacido o 14 de abril; asumindo así a nova situación, e alentando ás asociacións conservadoras a participar no sistema democrático dun xeito unificado. Dependeu directamente da tamén recén fundada Acción Nacional de Madrid (alentada polos sectores monárquicos da capital) e foi o núcleo da futura Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA) en Galicia. A Acción de Santiago, foi promovida por catro persoas de gran de influencia local: o comerciante Xulián Pérez Esteso; o farmacéutico Ricardo Bermejo Pena; o arquitecto Xesús López de Rego; e o catedrático de Dereito Político, e verdadeiro líder do grupo, Carlos Ruíz del Castillo. Dentro dos propósitos inmediatos da organización non estaba o de presentarse ás primeiras eleccións de deputados ás Cortes (28 xuño de 1913), pretendendo antes conseguir un grande apoio popular e recuperando o peso político que os católicos perderan na organización da dereita estatal. A creación de Acción Nacional en Santiago converteuse nun feito illado na realidade política galega, pois non acadou un grande éxito a curto prazo, pero colocou os cimentos do proxecto político católico.