aceleración

aceleración

(

  1. s f

    Acción e efecto de acelerar ou acelerarse.

    Ex: A aceleración do coche non é moi potente.

    Sinónimos: aceleramento.
  2. aceleración angular [FÍS]

    Nun movemento circular, variación da velocidade angular co tempo.

  3. aceleración convectiva [FÍS]

    Na dinámica de fluídos, compoñente da aceleración nun punto determinado dunha liña de corrente debida exclusivamente á translación do fluído no espacio.

  4. aceleración de Coriolis [FÍS]

    Aceleración complementaria, debida á rotación da terra, segundo o teorema de Coriolis.

  5. aceleración dun punto [FÍS]

    ariación da velocidade do punto respecto do tempo. No seu sentido máis xeral é o vector a = d v / dt, onde v é o vector velocidade do punto. A unidade da aceleración é o m/s 2 . A aceleración tanxencial ou lineal débese ao cambio de valor da velocidade, mentres que a aceleración normal ou centrípeta é debida ao cambio de dirección da velocidade. No caso dun movemento rectilíneo só hai aceleración lineal.

  6. aceleración local [FÍS]

    Na dinámica de fluídos, compoñente da aceleración nun punto determinado dunha liña de corrente debida exclusivamente á variación co tempo das condicións da corrente.

  7. principio da aceleración continua [FÍS]

    Principio segundo o cal cando un electrón se lanza a unha velocidade próxima á da luz dentro do eixe dunha guía de ondas xunto cunha onda electromagnética, o campo eléctrico desta onda acelérao dun xeito continuo.

  8. principio das aceleracións sucesivas [FÍS]

    Principio segundo o cal nunha serie de electrodos sometidos a potenciais decrecentes, a enerxía cinética adquirida por unha partícula cargada entre dous electrodos sucesivos é 1/2 m v 2 = e [V(A) - V(B)] (m masa da partícula, v velocidade, e carga eléctrica, V(A) e V(B) potenciais de dous electrodos sucesivos).

  9. regra de aceleración e parada [AERON]

    Regra internacional que determina a lonxitude das pistas de aterraxe dos aeroportos: a súa lonxitude mínima debe permitirlle ao avión poder frear ou ben despegar en caso de avaría dun motor durante a fase de rodamento sobre a pista.

  10. aceleración das estrelas fixas [ASTRON]

    Incremento da ascensión recta do sol medio nun día sideral. O seu valor é de 3 minutos 56,56 segundos de tempo sideral ou 3 minutos 55,91 segundos de tempo solar medio, cantidade que, sumada ao día sideral, dá o día solar medio.

    1. s f [BIOL]

      Proceso que tende a facer aparecer, cada vez máis precozmente, certas estruturas no desenvolvemento embrionario, ata o punto de impedir a súa manifestación nos individuos adultos, coma no caso, por exemplo, dos arcos branquiais nos vertebrados.

    2. s f [BIOL]

      Tipo de alteración do desenvolvemento caracterizado porque a taxa de desenvolvemento morfolóxico que afecta a un organismo descendente leva a un adulto do mesmo tamaño ca o antepasado, aínda que cunha morfoloxía máis avanzada (hiperadulta).

    3. efectos da aceleración [BIOL]

      Alteracións producidas pola aceleración á que se somete un organismo como consecuencia dun aumento ou dunha diminución da velocidade (aceleración lineal) ou dun cambio de dirección (aceleración centrípeta).

  11. principio de aceleración [ECON]

    Principio, chamado tamén da demanda derivada, segundo o cal os trocos na demanda de bens de consumo producen variacións máis ca proporcionais no stock necesario de bens de investimento.

  12. s f [IMAX]
    1. Procedemento consistente na proxección a velocidade normal (24 imaxes por segundo) dunha figuración filmada con cámara lenta (16, 8, 4, imaxes por segundo) que orixina a ilusión óptica de aceleración do movemento.

    2. Procedemento consistente na filmación fotograma a fotograma, a intervalos regulares, que fai perceptibles na proxección normal movementos extremadamente lentos, tales como o crecemento dunha planta.

  13. s f [INFORM]
    1. Acción e efecto de acelerar ou acelerarse un aparello informático ou as tarefas que realiza.

    2. Incremento da velocidade coa que se executan as aplicacións informáticas. Pódese conseguir mediante o emprego de determinadas aplicacións complementarias ou de accesorios que se instalarán no equipo.

Palabras veciñas

Aceixas | acelaico, ácido | Acelas | aceleración | acelerado -da | acelerador -ra | aceleramento