Acerbaixán
Estado asiático na rexión oriental do Cáucaso (86.600 km
Xeografía física
De N a L, nos contrafortes orientais do Gran Cáucaso, están as máximas elevacións (Gora Bazard’uz’u 4.466 m). No extremo L, esta serra forma a península de Apšeron. A zona central comprende a conca do Kura, que se abre no mar Caspio formando unha gran chaira atravesada por numerosos ríos e que se ensancha cara ao S na confluencia co Araxes. Ao O están as montañas volcánicas do pequeno Cáucaso. O territorio de Nakhičevan, separado do resto do territorio azarí pola serra do Sangesur, no pequeno Cáucaso armenio, limita con Irán no Araxes. O clima, aínda que en conxunto é continental, vese modificado pola altitude no N e no O. As temperaturas medias oscilan entre os 27° C e os 0° C ao longo do ano, e as precipitacións varían de 200 a 1000 mm de media anual da chaira á montaña. A vexetación é esteparia na chaira central, e os bosques son escasos.
Xeografía económica
Na agricultura destacan os cereais, a vide, as hortalizas, o algodón e o tabaco. Ten moita importancia a gandería ovina e tamén é relevante a sericultura. Os xacementos de petróleo na costa do Caspio teñen importancia mundial e permitiron desenvolver unha importante industria petroquímica. Hai tamén xacementos de gas natural, de ferro e de alunita no O. A produción de enerxía eléctrica e a metalurxia, concentrada sobre todo en Sumgait, teñen tamén unha importancia considerable. Ademais hai industria lixeira, téxtil (produción de alfombras) e alimentaria. O crecemento económico foi negativo ata 1996 (-13,1%) con respecto a 1989, aínda que en 1997 se incrementou o 5,8%. A inflación anual foi en 1998 de 19,9. O comercio exterior, orientado sobre todo cara ás repúblicas da Comunidade de Estados Independentes, é deficitario, en 1998 importou por un valor de 668 millóns $ USA e exportou por valor de 547 millóns $ USA. Impórtanse principalmente produtos alimenticios, maquinaria e metais non ferrosos, e exporta produtos alimenticios, téxtiles, petróleo e derivados do petróleo. O medio de transporte máis desenvolvido é o ferrocarril.
Xeografía humana
En 1997 a densidade de poboación era de 88 h por km
Historia
Desde 1991 o territorio histórico de Acerbaixán encóntrase dividido entre o estado independente do mesmo nome (antiga república soviética) e dúas provincias iranianas. Acerbaixán foi sometida polos asirios e polos medos (s VII a C). Incluída na satrapía de Media por Alexandre o Grande (s VI a C), á morte deste conseguiu a independencia. Entre os ss VIII e XIV, nos que se aturquiza, Acerbaixán foi ocupada polos árabes, os turcos seleúcidas, os mongois e por Tamerlán. Posteriormente Persia conseguiu controlalo ata o s XVII. Polos tratados de Gulistān (1813) e Turkmançay (1828), Rusia anexionou o N de Acerbaixán. Despois da revolución bolchevique de 1917, Acerbaixán formou con Xeorxia e Armenia, a república Transcaucásica (1918), disolta no mesmo ano. O antigo Acerbaixán ruso proclamouse república independente, pero foi ocupada en 1920 pola URSS, que, de novo con Armenia e Xeorxia, constituíu a República Socialista Federal Soviética de Transcaucasia (1922); en 1936 Acerbaixán foi declarada república soviética. Durante o réxime soviético houbo unha activa resistencia azarí (levantamentos de Gandza, 1920). En 1988 as reclamacións da República Socialista Soviética de Armenia sobre Nagorno-Karabakh deron lugar a enfrontamentos. En outubro de 1990, celebráronse eleccións lexislativas en Acerbaixán, gañadas polos comunistas. Logo da caída do réxime soviético declarouse a independencia o 30 de agosto de 1991, confirmada en referendo. Por outro lado o conflito de Nagorno-Karabakh desembocou nunha guerra entre Armenia e Acerbaixán. En xuño de 1992 celebráronse eleccións presidenciais, que gañou o nacionalista Abulzaf Elcibey. O 24 de xuño de 1993 un golpe de estado militar derrocou a Elcibey, acusado de inoperancia na guerra con Armenia. Gueidar Aliev ocupou a presidencia do estado e foi confirmado no seu cargo nas eleccións celebradas o 3 de outubro do mesmo ano, acadando o 90% dos sufraxios. No ano 1995 aprobouse, en referendo, unha nova constitución de carácter presidencialista. Entrementres proseguiu a guerra con Armenia polo control de Nagorno-Karabakh. A ofensiva armenia entre 1992-1994 comportou a perda de importantes territorios, como a cidade occidental de Keldbadjar, Mandakeert, Agdam e Fisuli. O cesamento do fogo de maio de 1994, malia ser rachado en ocasións posteriores, marcou a entrada da guerra nunha vía morta. A mediación da OSCE dende setembro de 1995 e os contactos armenio-azarís no marco da CEI en xaneiro de 1996 non conseguiron rematar as hostilidades, aínda que garantiron o mantemento dunha certa estabilidade. O goberno azarí semella ter aceptado a imposibilidade de recuperar militarmente o territorio, e o 12 de outubro, despois de nove anos de guerra non declarada, asinouse un acordo polo que Acerbaixán foi obrigado a retirar as súas tropas e a conceder a autonomía a Nagorno-Karabakh.