acondicionador -ra

acondicionador -ra

(< acondicionar)

  1. adx

    Que acondiciona.

  2. s m

    Produto fabricado polas industrias cosméticas que se emprega para suavizar, dar brillo ao pelo e para facilitar o peiteado despois da aplicación do xampú.

    Ex: Como non lle bote acondicionador ao pelo, ensaríllaseme todo.

    Confrontacións: suavizante.
  3. s m [TECNOL]

    Aparello destinado a acondicionar o trigo por acción combinada e simultánea da calor, da auga e do aire; este método acelera considerablemente o proceso en comparación co método de frío.

  4. s m [XEOL]

    Produto que, engadido ao solo en pequena cantidade, agrega as partículas e mellora a estrutura. En xeral, os acondicionadores son polímeros de longa cadea lial parafínica, con grupos funcionais activos.

  5. acondicionador de aire [FÍS/TECNOL]

    Aparello para acondicionar o aire. A primeira parte do proceso consiste en filtrar o aire exterior mesturado co aire procedente do interior. De seguido, unha parte deste aire quéntase, mentres que o resto se enfría para eliminar a humidade. Con esta mestura, obtense aire cun grao de humidade inferior á do aire de entrada coa temperatura desexada.

    Ex: Na oficina estaba estragado o acondicionador de aire e abafabamos coa calor.

Palabras veciñas

aconchegar | aconchego | acondicionable | acondicionador -ra | acondicionamento | acondicionar | acondrita