Acosta

Acosta
  1. [ONOM]

    Apelido de orixe toponímica, procede do latín costa ‘costela, costado’. Relacionado etimoloxicamente con este apelido está a variante gráfica Da Costa. Xa aparece documentado dende o s XIV: “Iohan Nunnez da Costa” (doc ano 1316, Onomástica persoal do noroeste hispano de E. Rivas Quintas, p 548).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe de orixe discutida. Disque procede dunha familia romana que se asentou na Hispania ou ben do Rei godo Acosta. Unha rama pasou a Galicia desde as montañas de Burgos e de aquí saíron as diversas ramas que espallaron o apelido por Galicia. Asentáronse na Torre de Rubiáns en Vilagarcía de Arousa e, posteriormente, espalláronse por Noia, Terra de Santiago, Portugal e polo resto de España establecendo casas en Aragón, Catalunya, València, Islas Canarias, Castela, Andalucía e Gipuskoa. As armas primitivas levan, en campo de prata, seis costelas de sable colocadas de dúas en dúas. As armas da rama galega presentan un escudo partido medio cortado: nun dos lados, en campo de ouro, aparece unha estrela de azur; no outro lado, na parte superior esquerda, represéntanse, sobre campo de goles, tres costelas de prata; na terceira, no cortado de abaixo, en campo de prata, aparece un navío sobre ondas de mar de azur e prata que leva na quilla, un neno espido cun ramo de sinople na man. Os de Noia traen, en campo de goles, tres pares de costelas de prata. Outros levan, en campo de ouro, seis costelas ao natural unidas por unha vértebra e colocadas en pao. A rama castelá que pasou a Portugal traen, en campo de goles, escudo partido con seis costelas de prata postas de dúas en dúas; na outra metade, sobre campo de azur, a roda de santa Catalina de ouro coas coitelas de prata.