acrílico -ca

acrílico -ca
  1. adx [QUÍM/IND]

    Relativo ou pertencente aos polímeros ou copolímeros acrílicos.

  2. adx [QUÍM]

    Pertencente ou relativo ao ácido acrílico ou aos seus derivados.

  3. ácido acrílico [QUÍM]

    Líquido corrosivo, de cheiro agre, que se polimeriza moi facilmente en presencia de osíxeno. Por copolimerización permite introducir grupos carboxilo nos copolímeros. Emprégase como monómero para obter polímeros acrílicos, algúns acrilatos por esterificación e como intermediario na síntese orgánica.

  4. ácido acrílico glacial [QUÍM]

    Ácido acrílico do 97% ou máis riqueza, capaz de cristalizar a temperaturas invernais.

  5. elastómero acrílico [QUÍM/IND]

    Tipo de polímero que ten unha cantidade predominante de éster acrílico en forma de acrilato de etilo ou de acrilato de butilo en cadea de polímero. A natureza e estrutura destes polímeros fainos resistentes á acción degradante dos aceites a temperaturas de 175-180°C, e pasivos ao ataque do osíxeno e do ozono. Complementariamente son salientables a súa estabilidade á calor, e a flexibilidade e impermeabilidade aos gases. Os elastómeros acrílicos posúen grupos reactivos (éster e α-hidróxeno) que son aptos para vulcanizar.

  6. fibra acrílica [QUÍM/TÉXT]

    Nome xenérico das fibras téxtiles constituídas por un polímero sintético de cadea longa composto, cando menos nunha proporción do 85% en peso, por unidades acrilonitrilo -CH 2 CH(CN)-. O acrilonitrilo puro polimerízase facilmente en poliacrilonitrilo, composto que ao ser modificado por copolimerización é apto para a fabricación de fibras. As características da fibra obtida dependerán do monómero que se inclúe na copolimerización e das condicións nas que este proceso se desenvolve. En xeral son fibras moi lixeiras e de enorme resistencia, o que as fai imprescindibles no mundo téxtil substituíndo a miúdo a la; tamén son fáciles de tinguir, de lavar e ademais non se engurran. Son aptas para a confección dunha enorme cantidade de artigos (calquera tipo de prenda e mesmo en aplicacións industriais) e empréganse soas ou mesturadas con fibras naturais (la ou algodón).

  7. polímeros do ácido acrílico [QUÍM/IND]

    Composto resultante da polimerización do ácido acrílico. Esta polimerización faise normalmente por radicais libres en solución acuosa. Os copolímeros máis importantes son: divinilbenzeno, estireno, acrilamida e ácido metacrílico.

  8. resinas acrílicas [QUÍM/IND]

    Resinas basicamente formadas polos polímeros e copolímeros dos ésteres dos ácidos acrílicos e metacrílicos, ben que os polímeros e copolímeros destes ácidos, xuntamente cos da acrilamida e as súas amidas substituídas, presentan tamén certas propiedades de carácter de resina acrílica. Estes produtos exhiben unhas características de transparencia, resistencia química á luz e á intemperie semellantes en todos eles. As propiedades físicas e químicas destes produtos están influídas polos pesos moleculares dos polímeros e o establecemento de enlaces cruzados. Os seus usos máis importantes son: plásticos moldeados, con diversas formas ou laminados. Tamén son usados na industria téxtil, na industria de pinturas e na industria do papel.

Palabras veciñas

acrilaldehido | acrilamida | acrilato | acrílico -ca | acrilonitrilo | acrimancia | acrimonia