Acta Única Europea
Documento asinado en febreiro de 1986 polos estados membros da CEE que modificou e complementou os tratados fundacionais das Comunidades Europeas. Aprobado polo Consello Europeo en decembro do 1986, entrou en vigor o 1 de xullo de 1987 despois do trámite de ratificación nos parlamentos dos estados membros. Con este documento confirmouse a data do 1 de xaneiro de 1993 para establecer un alicerce xurídico dirixido á consolidación dun gran mercado interior e único nos países integrantes, que garantira a libre circulación de persoas, bens e servicios, paso previo á unificación política dos estados da Unión Europea. O tratado ampliaba tamén os poderes dos órganos de goberno, con el a Comisión podía adoptar decisións por maioría cualificada e non tan só, como ata entón, por unanimidade; ademais, o Parlamento podía enmendar a lexislación. Acordouse, así mesmo, impulsar as políticas de investigación e de medio ambiente e harmonizar a política exterior dos estados membros.