Acuña, Fernando de

Acuña, Fernando de

Gobernador e Xustiza Maior do Reino de Galicia (1480-1486). O seu nomeamento, que se insire no proceso que a documentación denomina “doma e castración do Reino de Galicia” -ordenada polos Reis Católicos conforme á súa política centralista-, outorgáballe amplos poderes gobernativos e xudiciais, tanto no civil como no criminal. Fernando de Acuña chegou a Galicia acompañado polo licenciado e corrixidor García López de Chinchilla e un corpo de cabalería ao mando do capitán Mudarra. Ao chegaren a Santiago reclamaron de Alonso de Fonseca as fortificacións da Catedral; diante da negativa do Arcebispo, convocaron aos condes de Altamira e de Camiña e ao Mariscal Sueiro Gómez de Soutomaior, de xeito que non tivo máis remedio que ceder. Así mesmo, apoiándose na Santa Irmandade, constituída a comezos de 1480 en Galicia, mandou derrubar 46 fortalezas; apresurou o proceso de adaptación de mercés do que saíron moi afectados Pedro Álvarez Osorio, Álvarez de Soutomaior, Gómez Pérez de Mariñas, etc; procedeu contra os usurpadores de bens eclesiásticos; e perseguiu a Pedro Madruga, ata que conseguiu que se exiliase en Portugal, e a Pardo de Cela, ata lograr que fose executado en Mondoñedo o 17 de decembro de 1483.