Acuña e Malvar, Manuel

Acuña e Malvar, Manuel

Sacerdote liberal moi activo na loita contra os franceses durante a Guerra de Independencia. Iniciou a súa carreira eclesiástica estudiando en Salamanca e Oviedo para volver a Galicia (1789) como párroco de Carreira (Ribeira). Pouco máis tarde foi nomeado cóengo do Cabido Compostelán, onde desenvolveu diversos cargos pastorais e administrativos. A súa vinculación ás ideas liberais valeulle o desterro a Valladolid en 1803 por orde do Arcebispo Múzquiz. En 1809 regresou a Galicia como representante da Suprema Xunta co obxectivo de recrutar tropas para se enfrontar ao invasor exército francés, participando na reconquista de Vigo e na posterior defensa dos ideas políticos emanados das Cortes de Cádiz de 1812. Non obstante , a volta do absolutismo de Fernando VII significará unha nova caída en desgracia: o cabido de Santiago embargou as súas posesións e foi detido e encarcerado no convento franciscano de Herbón (Padrón) desde 1814 ata 1820. A súa liberación durante o Trienio Liberal permitiralle saír fóra de Galicia ata 1834. É autor de diversos escritos sobre as vicisitudes da Guerra da Independencia en Galicia. Dentro da súa produción destaca La Constitución violada y mala fe guardada: o bien sea la punible, injusta, despótica, tumultuaria, gosera, escandalosa, temeraria, ratera, atrevida, extravagante, cismática, ridícula, provincialista, quijotesca, intempestiva, zafia, degradante, farolera, clandestina, godoyana, antipolítica, antirreligiosa, anticonstitucional, anticanónica, antipatriótica y de nula posesión de cuatro prebendas que ha dado el cabildo de Santiago en 24 de marzo de 1813, por contemporizar con el arzobispo (1813). Entre o significativo para literatura galega, é considerado o autor do folleto Dialogo entre Dominjos e Farruco, sobre a administracion de xusticia da súa aldea (1820). Utilizando o galego occidental, estes dous personaxes falan a favor da Constitución como medio para salvagardar os dereitos do pobo. A obra, tras estar en poder de Andrés Martínez-Morás y Soria para despois pasar a Xosé María Álvarez Blázquez, coñeceu a súa edición hai poucos anos grazas ao traballo de Xosé Ramón Pena.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Salcedo

  • Deceso

    Lugar : Ribeira